En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

“Queremos avanzar cara a medicina personalizada no cancro”

O oncólogo vilamartinés Rafael López presentaba no Barco a campaña de micromecenado para recaudar fondos que permitan seguir avanzando na investigación da biopsia líquida

En torno a 200 persoas acudían na tarde do 10 de marzo á presentación da campaña de micromecenado que vén de lanzar o Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet) para recaudar fondos que permitan seguir avanzando na investigación da biopsia líquida. O encargado de presentala era o coordinador deste grupo, o oncólogo vilamartinés Rafael López.

Tras proxectar un video sobre a campaña, Rafael López, explicaba en qué consiste o traballo que se vén desenvolvendo en Oncomet dende hai máis dunha década. “Empezamos 3 e agora somos 60, fumos medrando en tempos de crise”, comentaba o doutor López. Agora mesmo o eixo da súa actividade investigadora é a biopsia líquida, un novo método de análise, máis rápido e menos invasivo que a biopsia tradicional, capaz de analizar tumores a través dunha extracción de sangue e de obter resultados en moi pouco tempo. “Con esta ferramenta poderemos avanzar de cara a medicina personalizada no cancro”, matizaba.

O tempo é importante neste proxecto, e máis tendo en conta o que o cancro significa como enfermidade na sociedade actual, xa que no pasado ano se detectaban 15.000 novos casos na comunidade. “Por iso é unha enfermidade que preocupa e moito”, engadía. De aí a idea de crear e desenvolver esta campaña. Os fondos que se consigan permitirían a “contratación do persoal necesario así como a compra do equipamento preciso para continuar con esta investigación”, sinalaba o doutor López. O seu obxectivo é reunir 500.000 euros.

Orlando Saavedra, médico e concelleiro de Servizos Sociais do Barco, era o encargado de presentar o acto e no peche destacaba que “esta é unha carreira de longa distancia, cada logro abre portas para seguir investigando”.

As doazóns poden realizar a través da plataforma www.oncomet.es ou chamando ao 981 955 344.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button