CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

“Queremos que se nos escoite e loitar pola educación dos nosos fillos”

Os pais dos cativos matriculados no CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín, amosan o seu malestar ante a decisión da Xunta de suprimir unha aula e a todos os profesores especialistas

 

En menos de tres días o concello de Vilamartín de Valdeorras en xeral e a comunidade educativa en particular recibía dúas malas novas. A primeira, o falecemento de Ángeles Trincado, a profesora que durante 21 anos estivo á fronte do centro escolar do municipio, o CEIP Xosé Manuel Folla Respino; a segunda, a decisión da Administración autonómica de suprimir unha aula e a todos os profesores especialistas que estaban no centro. A primeira nova foi recibida con pesar e mágoa, a segunda con indignación, rabia e impotencia.

Era o propio director do centro o que informaba aos pais da decisión da Xunta, baseada na escaseza de matrículas. A 30 de xuño de 2021 eran 21 os cativos matriculados no centro, unha cantidade que non cubre o ratio estipulado por Educación para manter tres aulas co cal se suprimirá unha e a todos os profesores especialistas definitivos que estaban no centro (Educación Física, Inglés e Educación Musical), o que suporá que para o vindeiro curso os alumnos estarán divididos en só dúas aulas: unha que acollería a todo o alumnado de Infantil unido ao de 1º de Primaria (con 9 nenas e nenos) e unha segunda aula que unificaría ás nenas e nenos de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. Este último grupo unirá cun único docente a rapaces de entre 6 e 12 anos. Ademais o profesorado do centro pasará a ser novo: un mestre de Infantil, un de Primaria e un mestre de inglés que se compartirá con outro centro ademais de eliminar ao director. Algo que repercutirá nos pequenos que non coñecerán a ningún mestre cando volvan en setembro, resultado evidente que a atención escolar decaerá de xeito acusado.

 

Dúas das nais amosando o seu malestar diante do colexio de Vilamartín.

 

“O que fan con isto é quitarlle a ensinanza aos nosos fillos que teñen os mesmos dereitos que en calquera outro centro. Están acabando co rural totalmente”, aseguran alguns dos pais afectados, reunidos na tarde deste venres 9 de xullo diante do colexio. Explican que non é xusto o que está pasando e moito menos as formas. “Non hai dereito ao que fixeron e sen marxe para reaccionar porque o comunicaron o 30 de xuño cando xa estaban as matrículas feitas. Aquí estamos a xente á que nos gusta vivir no pobo pero con estas decisións o que fomentan é a España baleira, porque agora teremos que buscarnos a vida e loxicamente se o irmán maior ten que marchar a outro colexio, o pequeno non vai quedar aquí só e ao final será outra institución pechada e todo serán pobos abandonados”.

Dende o colectivo de pais, non entenden esta decisión sobre un centro en moi bo estado, recentemente reformado e con moitas posibilidades. “Queremos vivir no rural porque é unha vida que nos gusta pero os nosos fillos teñen dereito a unha boa educación e que non empecen agora a pechar colexios”, aseguran, sen entender que nos centros escolares de vilas máis grandes as clases estén sobresaturadas “co cal a atención non pode ser a mesma, cando aquí tes a 10 nenos por clase aos que poden atender case persoalmente e queden os pobos baleiros. Non entendemos que pensen que nas vilas grandes a educación é mellor porque non é así. A atención neste centro foi case personalizada e moi boa”, din, conscientes de que de seguir con este descenso de alumnado o máis probable é que en poucos anos peche definitivamente.

“O que queremos é que se nos escoite e loitar pola educación dos nosos fillos e intentar manter as aulas. Que a xente matricule aquí aos nenos porque se pecha o colexio o pobo acabará desaparecendo”, conclúen rotundos.

Máis información no seguinte enlace: https://osil.info/o-bng-reclama-o-mantemento-de-aulas-no-ceip-xose-manuel-folla-respino-de-vilamartin/

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button