CulturaCulturaÚltima hora

Quico Cadaval comparte a memoria da súa parroquia en “Vacas, guerras, porcos e cregos”

Este contador presentaba este monólogo o 18 de outubro no Teatro Lauro Olmo do Barco

 

Do singular microcosmos da súa parroquia, Carreira (Ribeira, A Coruña), na etapa posterior á guerra civil nutríanse os relatos que Quico Cadaval ía ensarillando na noite do 18 de outubro no Barco. Presentaba no Teatro Lauro Olmo seu espectáculo “Vacas, guerras, porcos e cregos”. “Eu vivo de contar e da memoria da miña familia”, dicía ao inicio deste monólogo no que se apoiaba nun dos seus avós Xuán, o alcumado “o Fino”, un bo home, pacífico e que respectaba moito aos animais e, de xeito especial, ás vacas.

A partir de aí, Cadaval ía trenzando recordos persoais e familiares con diversas historias que rozaban o fantástico nunha etapa convulsa como a da posguerra, pero plantexadas en clave de humor. Explicaba como na súa parroquia prohibíase nesa época o uso da aguillada, ao ser considerada pola autoridade local unha arma branca, ou mesmo o canto dos carros para evitar o seu tránsito pola aldea. E tamén como, con cada prohibición, o enxeño dos veciños lograba burlar á lei.

Eran historias poboadas de personaxes como un cura zamorano, que non se separaba da súa pistoa Luger, e que prohibiu que os nenos levasen ás vacas para ser inseminadas, ou por veciños como O Ghacheiro, un “artista” que preparaba con sumo coidado e orixinalidade as súas farsas, ocultándos tras un monllo de herba, o cofre dun tesouro traído pola marea ou mesmo por un cuñado falecido recentemente, pero sempre buscando asustar e sorprender aos veciños . Coa “obra mestra”, un sui generis desembarco de Normandía en Carreira finalizaba esta contada.

 

O contador Quico Cadaval nun dos momentos da súa actuación no Barco./ Foto: A.R.

 

En “Vacas, guerras, porcos e cregos” Quico Cadaval traza un orixinal e divertido retrato antropolóxico dunha aldea da costa galega de décadas atrás: a relación veciñal, coas autoridades e con outras aldeas, a convivencia coas vacas, co mar… Un espectáculo cuxo título (e tamén certos aspectos que toca) recorda ao da obra “Vacas, porcos, guerras e bruxas” do antropólogo estadounidense Marvin Harris.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button