ConcellosEntroido 2022QuirogaÚltima hora

Quiroga adaptará o seu Entroido ao protocolo da Xunta

Desfile de Entroido en Quiroga no ano 2020. /Foto cedida.

 

Á espera do protocolo que anunciará a Xunta de Galicia para a celebración destas festas, a comisión organizadora das festas de Entroido de Quiroga reuníase na mañá deste martes 18 de xaneiro, poñendo enriba da mesa unha folla de ruta igual ca de anos anteriores.

Así, previsiblemente o Entroido celebrarase en Quiroga o domingo 27 de febreiro cun desfile de comparsas que contará coa animación musical dunha charanga que tamén animará a festa ao seu remate diante da casa cosistorial. Nos vindeiros días abrirase o prazo para que as comparsas e disfraces individuais que desexen participar, poidan anotarse.

E xa o día do desfile, un xurado composto por un membro de cada comparsa participante, valoraría especialmente a orixinalidade dos disfraces, a coreografía, a escenografía, a elaboración do vestiario e a elaboración da carroza. Os premios mantéñense tamén na contía de anos anteriores: 600 euros para a comparsa gañadora, 300 para a segunda clasificada e 200 para a terceira. Aparte destes tres premiados, o resto das comparsas participantes recibirán 100 euros e haberá un único premio de 60 euros para o mellor disfrace individual.

Ademais, coma sempre, a organización está a traballa en algo específico para os máis pequenos e tamén para os maiores, que o Martes de Entroido poderán merendar nas instalacións do centro social orellas e sangría.

Non obstante, a comisión organizadora asegura que “en todas estas actividades programadas seguirase o protocolo que anunciou a Xunta de Galicia para estas festas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button