ConcellosEn portadaQuirogaÚltima horaVídeos

Quiroga celebra cun notable éxito a súa 22ª Mostra de Aceite en Bendilló

Numerosas persoas desfrutaban desta animada xornada de exaltación deste produto senlleiro e de gran calidade

 

Bendilló (Quiroga) convertíase xa dende primeira hora da mañá deste domingo 29 de maio en punto de atracción para multitude de persoas chegadas dende diferentes puntos da provincia de Lugo, pero tamén de comarcas próximas como Valdeorras ou mesmo de fóra de Galicia. Esta localidade acollía a XXII Mostra do Aceite de Quiroga, que abría ás súas portas ás 11:30 h. coa xa habitual posta en funcionamento do antigo muíño de Bendilló, onde ao longo da mañá se realizaban demostracións da elaboración tradicional de aceite co uso dunha burra. E, moi preto do muíño, na Capela das Farrapas, o público podía ver unha proxección na que se explicaba o proceso de elaboración do aceite e da propia mostra.

 

 

Tamén ás once e media abrían os postos da feira, entre os que estaban os de cinco colleiteiros quirogueses: José Manuel López Maseda, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Manuel Mondelo Rodríguez e Pedro Soto Losada. Ademais na mostra podían degustarse e mercarse outros produtos típicos da zona como licores, mel ou marmeladas. Tamén había postos de artesanía en madeira ou de elaboración tradicional de xoguetes.

 

 

E arredor das 12h. tiña lugar o acto inaugural que contaba coa asistencia da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, entre outras autoridades como o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, así como outros representantes políticos da comarca como o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela, e doutras próximas como o alcalde de Sober, Luis Fernández.

Nava Castro destacaba que dende a Xunta estase a traballar para poñer en valor os produtos de calidade da comunidade mediante a estratexia “Galicia Sabe”, unha folla de ruta que permitirá dar a coñecer itinerarios e rutas ao redor de produtos agroalimentarios con identidade e tradición da nosa comunidade.

 

 

Nava Castro indicou que esta mostra, que ven celebrándose dende o ano 2000 é un claro exemplo das tradicións que nos rodean e que nos evocan o noso pasado, pero tamén ao futuro da nosa comunidade e valorou moi favorablemente a variedade de feiras enogastronómicas que temos en Galicia, algo que indicou, “é unha aportación imprescindible á conservación do patrimonio culinario de Galicia”.

 

 

“A nosa gastronomía enxálzase nos establecementos de restauración, pero tamén no noso día a día e na multitude de eventos de exaltación de produtos alimentarios que forman parte da experiencia turística e convértense nunha imprescindible aportación á conservación do patrimonio culinario de Galicia”, rematou a directora de Turismo de Galicia.

A partir do acto inaugural, soaba o himno de Galicia interpretado polo grupo O Recanto, e logo as autoridades realizaban un percorrido pola mostra que se iniciaba no muíño de Bendilló, onde coñecían como era a moenda tradicional da oliveira, e logo visitaban os diferentes postos da feira.

 

 

Con esta Mostra do Aceite, que nacía hai 22 anos e hoxe está declarada Festa de Interese Turítico de Galicia, Quiroga exalta un dos seus produtos máis antigos e senlleiros, xa que a súa elaboración neste val pérdese na memoria dos tempos, ata o pasado romano.

 

 

“As oliveiras milenarias son a orixe da aprezada oliva, madurada polo clima morno do val do Sil. O aceite de oliva virxe elabórase en Quiroga de xeito artesanal aínda que isto non é alleo ás melloras que a ciencia introduce na actualidade. Este proceso dá como resultado un aceite virxe de especial gusto, cor e aroma, que cada día goza de máis  e prestixio”, di dende a Comisión Organizadora da Mostra, que preside Julio Álvarez, alcalde de Quiroga, e coordina José Luis Rivera, concelleiro de Cultura.

 

 

Malia á notable asistencia de persoas dende primeira hora da mañá, o público movíase con fluidez e sen aglomaracións polas diferentes zonas da mostra animada pola actuación de O Recanto, que incluía unha área para poder xantar no mesmo recinto, grazas á boa organización, na que o Concello de Quiroga contaba coa colaboración da Policía Local, Protección Civil, o GES Quiroga e a Garda Civil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button