ConcellosÚltima hora

Quiroga comeza a preparar a XXXVII Feira do Viño, prevista para o 20 e 21 de abril

Entre esas propostas do programa deste certame figuran o concurso “Quiroga de Tapas” ou a Carreira Popular
Imaxe da pasada edición da Feira do Viño de Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

A casa consistorial de Quiroga vén de acoller a primeira reunión preparatoria do conxunto de actividades da XXXVII Feira do Viño desta vila lucense, que terá lugar os días 20 e 21 de abril. Entre esas propostas figuran o concurso “Quiroga de Tapas” ou a Carreira Popular. Coincidindo con esta celebración Quiroga acollerá, un ano máis, o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, na que xa será a súa cuarta edición.

“Nesta primeira xuntanza marcouse o prazo que terán para anotarse os colleiteiros que queiran participar e os requisitos esixidos para o seu viño elaborado artesanalmente . Así os viticultores interesados deberán de inscribirse na casa consistorial antes do día 19 de febreiro, fixándose un número máximo de doce colleiteiros para participar nesta XXXVII edición”, tal e como se informa dende o Concello.

En canto aos requisitos mínimos que deberán de cumprir os viños que se sirvan nesta edición están os de ter unha graduación alcohólica mínima de 12 º para o branco e de 11,5 º para o viño tinto. E unha acidez volátil máxima de 0,5 gr. acético/l. para o viño branco e de 0,6 gr. acético/l. para o viño tinto. No referente á cantidade, fíxase un mínimo de 200 botellas de viño branco e 250 botellas de viño tinto para presentar na feira, e outra cantidade igual ou superior na adega, segundo indica o Concello de Quiroga.

O colleiteiro que teña seleccionado o seu viño para participar na feira debe aboar a cantidade de 100 € e entregar mostras do viño inscrito que deberán de superar dúas probas, unha análise organoléptica e unha cata popular polos membros da Confraría do Viño de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button