ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Quiroga e Ribas de Sil apostan por crear un rexistro oleícola da zona

Sería un paso previo de cara ao proxecto de crear a primeira denominación de orixe de aceite de Galicia

Preto de 80 propietarios de oliveiras asistían na tarde do 12 de xullo á reunión convocada polos Concellos de Ribas de Sil e de Quiroga na Casa da Cultura deste último municipio. O obxectivo do encontro era plantexar a importancia de elaborar un rexistro oleícola da comarca para coñecer realmente canta superficie existe nestes momentos deste cultivo, con que características, variedades, produción e rendementos.

“Temos potencial oleícola e trátase dun sector emerxente, pero non sabemos realmente como son esas plantacións e eses cultivos, as súas variedades, etc.”, dicían os técnicos do servizo provincial da Consellería do Medio Rural que asistían ao encontro.

Acordábase que a partires de vindeiro luns, 16 de xullo, na Oficina Agraria Comarcal de Quiroga as persoas titulares de parcelas con oliveiras poderán cubrir, de forma totalmente voluntaria, unha ficha modelo de cara a recabar información para coñecer cal é nestes momentos a realidade deste sector en Quiroga e Ribas de Sil. O prazo para anotarse neste rexistro, que segundo insistían os técnicos simplemente terá un valor informativo e non fiscalizador, permanecerá aberto ata finais de agosto. Será entón cando, en función dos datos recabados se tomará a decisión de dar novos pasos de cara a impulsar e protexer este cultivo.

A idea pola que apostan os concellos, tal e como dicía claramente o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, é a de crear unha denominación de orixe. “Queremos que estes datos permitan arrancar un expediente para ir a unha denominación”. Unha postura apoiada tamén polo tenente de alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro. De ir adiante a iniciativa, sería a primeira D.O. de aceites de Galicia.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button