ConcellosEn portadaQuirogaÚltima horaVídeos

Quiroga exalta o seu aceite nunha exitosa mostra marcada polas medidas de seguridade

Os visitantes podían mercar o produto de catro olivicultores no recinto feiral de Bendilló e coñecer o proceso tradicional de elaboración de aceite, entre outras actividades

 

Con altas temperaturas e nun ambiente festivo, pero respectando en todo momento os protocolos e as medidas de seguridade fronte ao Covid-19, desenvolvíase a partir das 11:30h. deste domingo 30 de maio a XXI Mostra de Aceite de Quiroga, en Bendilló. Controlábase en todo momento o número de persoas no recinto, que dispoñía de puntos de entrada e saída difeferentes. Para velar polo cumprimento das medidas sanitarias e polo correcto desenvolvemento da mostra a organización contaba coa colaboración da Policía Local de Quiroga, de Protección Civil, o GES Quiroga e a Garda Civil.

Este evento, declarado festa de interese turístico de Galicia, recibía máis visitantes do que nun principio se prevía debido á situación epidemiolóxica e isto fixo que os 4 olivicultores participantes “se amosaran máis que satisfeitos coas vendas acadadas”, tal e como destaca o Concello de Quiroga. Ademais o seu alcalde, Julio Álvarez, amosaba a súa satisfacción polo desenvolvemento desta mostra, a “máis etnográfica, tradicional e cultural que permitiu disfrutar dun produto único e singular como é o aceite de Quiroga, de maneira excepcional”, dicía, mentres acompañaba á directora xeral de Desenvolvemento Rural e de AGADER, Inés Santé Rivera, que acudía por primeira vez a esta celebración.

 

 

“O aceite de Quiroga encaixa perfectamente na liña estratéxica da Consellería de Medio Rural de poñer en valor a calidade dos nosos produtos”, aseguraba Inés Santé. Tamén destacaba “o uso das variedades autóctonas Mansa e Brava” neste aceite. Santé tamén aproveitaba para poñer en valor tanto o produto homenaxeado como a aposta do Concello polos produtos agroalimentarios de calidade como clave para a potenciación do rural.

Os asistentes a esta Festa de Interese Turístico puideron un ano máis desfrutar da posta en funcionamento do muíño de aceite tradiciona (no propio muíño, ou ben, moi preto, nas proxeccións deste proceso na Capela das Farrapas), adquirir o aceite de oliva virxe extra que se produce en Quiroga e outros produtos típicos e mesmo comer no recinto feiral (contábase tamén coa pulpeira de Portela), pero todo supeditado a unhas normas de control de persoas en todo o recinto feiral.

 

 

De “impactante” cualificou o proceso da elaboración do aceite tradicional o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, que acudiu á mostra como ” aposta da Xunta por esta festa de Interese Turístico”. O recinto feiral estibo aberto dende as once e media da mañá ata as dúas do mediodía. Aínda que o acceso era libre, para poder acceder ao recinto da mostra e ao muíño podíase concertar cita previa, o que daba preferencia de entrada, posto que o aforo máximo no recinto feiral estaba acoutado a 200 persoas.
Todo o recinto estaba valado, entrando e saíndo por diferente lugar para manter as distancias. Na entrada do recinto e en todas as casetas instalarase xel hidroalcohólico para uso dos visitantes.

 

 

Catro olivicultores participaron este domingo nunha Mostra do Aceite que esixía que o aceite que acudía á mostra ademais de contar coa etiqueta de aceite de Quiroga, tiña que contar co rexistro sanitario das autoridades competentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button