ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga inicia o expediente de expropiación para a construción do cemiterio municipal

Así o vén de aprobar a Corporación quiroguesa nunha sesión plenaria celebrada esta mañá

Publicidade
Plano do cemiterio./ Fonte: Concello de Quiroga.

 

Na sesión plenaria celebrada neste 12 de marzo en Quiroga vén de aprobarse por unanimidade o inicio do expediente de expropiación de terreos para a construción do cemiterio municipal de Quiroga. “A decisión de construír un cemiterio, o primeiro de carácter municipal, vén dada pola necesidade de contar cun lugar para acoller aos defuntos, posto que o cemiterio da parroquia de Quiroga xa non ten dispoñibilidade de máis terreo. A lei de competencias municipais di que é obriga dos concellos dispoñer dun terreo mortuorio, polo que o concello deberá realizar esta obra”, tal e como se informa dende o Concello de Quiroga.

Nese senso, o primeiro paso para poder levar a cabo este proxecto, contemplado en dúas anualidades, é dispoñer dos terreos. Así a Corporación municipal comezou hoxe, coa aprobación do expediente de expropiación, o inicio do proxecto de construción do novo cemiterio.

O proxecto do novo recinto, endosado ao actual cemiterio, ten unha superficie de 3.326 m2 e nel prevese construír 1.036 unidades de enterramentos novos entre panteóns e nichos. Tamén contará con dous columbarios para depositar as urnas das cinzas con 42 espazos cada un; e un local de culto aconfesional.

Dende este novo recinto crearase unha rúa en diagonal e unha serie de rúas que facilitarán o acceso a todos os servizos do cemiterio así como ao antigo campo santo.

Se ben o novo cemiterio estará unido ao actual, o anterior “seguirá sendo de carácter eclesiástico e o novo será municipal, polo que o seu terreo será tamén da súa propiedade. Para o seu bo funcionamento levarase a cabo un acordo co Bispado de Lugo para que o Concello se encargue do mantemento dos dous e a Igrexa será quen se encargue da documentación en canto a asentamentos e rexistros tamén dos dous”, tal e como se informa dende o Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button