ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga pecha as instalacións municipais ante o aumento de positivos de Covid

Na xornada deste venres rexistran 44 casos activos, dez máis que onte, pechándose dúas aulas do CEIP

Fachada da Casa do Concello de Quiroga.

 

Dez novos positivos en 24 horas elevan a 44 os casos activos de Covid-19 no municipio de Quiroga na xornada deste venres 22 de xaneiro, segundo os últimos datos do Sergas, mentres se seguen facendo probas PCR a todos os contactos directos.

Tamén se confirma o peche de dúas aulas no colexio de Educación Infantil e Primaria de Quiroga. “Tras a detección de alumnos positivos o equipo Covid do colexio tomou a decisión de pechar as dúas aulas nas que se detectaron os casos de alumnos positivos mentres están á espera da decisión da Consellería de Sanidade”, explican dende o Concello.

Ante esta situación o alcalde, Julio Álvarez, segue apelando á responsabilidade cidadá mentres as autoridades competentes non tomen outro tipo de medidas e recomenda unha vez máis, como medida de prevención e contención, que “non se saia dos domicilios, xa non só a partir das seis da tarde, se non durante toda a fin de semana, saír soamente para cumprir coas obrigacións laborais, para mercar ou por motivos médicos”.

A nivel municipal, o rexedor local decretou o peche de todos os servizos e dependencias municipais, pero garantindo todos os servizos mínimos aos cidadáns, como a auga, a recollida de lixo ou a limpeza das rúas e xardíns. “Todos os servizos están a traballar segundo as necesidades e os protocolos marcados, pero queda suspendida toda a atención ao público nos departamentos municipais que non teña carácter urxente”, puntualiza.

Artigos relacionados

Back to top button