En portadaÚltima hora

Quiroga pon en valor 30 hectáreas de terreos abandonados coa plantación de oliveiras

Son terras en man común situadas en Bendollo e que formarán parte do programa “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial” do Agader
Oliveiras en Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unhas 30 hectáreas de terreos abandonados en Bendollo formarán parte do programa “Propiedade, mobilidade de terras e valorización territorial”, que impulsa a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no concello de Quiroga. O subdirector de Mobilidade do Banco de Terras de Agader, Alejandro Ignacio Sánchez de Dios, vén de de presentarlle este proxecto aos veciños desta localidade nunha xuntanza no Centro Social do pobo. Ao encontro tamén acudían o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, o secretario xeral de Agader, Severino Alvarez Monteserín, e técnicos do concello e deste organismo.

Nestas 30 hectáreas, maioritariamente en terreos en man común, o proxecto da Xunta contempla a plantación de oliveiras de variedades autóctonas. Nun primeiro momento os veciños amosáronse de acordo co proxecto de mobilidade de terras, polo que os técnicos de Agader continuarán coa identificación dos terreos situados en dúas zonas diferentes do núcleo, segundo se informa dende o Concello de Quiroga. Unha vez identificadas as fincas, comezarase co acoutado dos terreos para posteriormente rozalos, xa que a Xunta encargarase de limpalas fincas antes de poñelas en arrendamento. Tamén se fixará o prazo e o prezo de arrendamento.

O subdirector de Mobilidade do Banco de Terras de Agader remarcoulle aos asistentes á reunión catro puntos importantes para os propietarios dos terreos que entren no banco de terras: a titularidade dos terreos segue sendo dos propietarios, estes terreos dedicaranse exclusivamente á plantación de oliveiras, se o arrendatario non paga a Xunta farase cargo dos pagos e por último, os terreos devolveranse finalizado o prazo fixado de arrendamento en mellores condicións das que se atopaban inicialmente.

O proxecto de mobilidade de terras ten por obxectivo loitar contra o abandono poñendo en produción terras de cultivo que foron abandonadas á vez que se axuda á loita contra os incendios forestais.

Artigos relacionados

Back to top button