ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga presenta a súa unidade de atención temperá

Prevé abrir as súas portas a finais de setembro e "servirá para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade", segundo o Concello

O equipo da Unidade de Atención Temperá de Quiroga co alcalde de Quiroga e a concelleira de Educación, no acto de presentación deste novo servizo./ Foto cedida.

 

O Concello de Quiroga conta cunha Unidade de Atención Temperá, que podería abrir as súas portas a finais deste mes de setembro. Esta unidade, presentada na mañá de 4 de setembro, “servirá para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade”, segundo informa o Concello.

A unidade, a cuarta que se pon en marcha na provincia de Lugo e a única de toda a zona oriental de Galicia e sur desta provincia, conta cun equipo formado por tres profesionais: un psicólogo, un logopeda, e un fisioterapeuta, especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

“Enténdese a atención temperá como un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades que presentan os nenos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos”, destaca o Concello de Quiroga.

A atención nestes servizo, que funcionará nas instalacións do Centro Socia da vila, será a través do pediatra, quen fará o diagnóstico previo, en función do cal derivará a familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poderán solicitar este servizo.

Para a posta en marcha desta unidade, que presentaba o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, e a concelleira de Educación e Infancia, Loli Sánchez, contouse cunha axuda de 12.296 euros da Xunta de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button