EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

Quiroga promociona o seu ouro máis doce na súa XXVIII Mostra do Mel

Sete apicultores comercializaban o seu produto neste evento turístico e gastronómico celebrado no mediodía do 9 de agosto

Numerosas persoas percorrían a partires das 12h. do sábado 10 de agosto o recinto feiral da XXVIII Mostra do Mel de Quiroga, situado no centro da vila. Nel podían catarse e mercarse os meles de sete apicultores: Isabel Marcos (A Ponte Rodela), Manuel Macía (As Estradas), Ángel Gómez (Paradapiñol), Manuel Rodríguez (Centeais), Pedro Soto (Ibedo), Manuel Macía (Quiroga), Rubén Figueroa (Sequeiros) e Iria Carballedo (San Vitorio).

Esta última produtora achegaba con moita ilusión por vez primeira ao público o seu mel multifloral, sobre todo de castiñeiro e brezo. “A nosa idea é intentar promocionar o noso produto e pensamos que vir á feira era unha boa maneira de facelo. De feito, a valoración é positiva”, comenta Iria, que apostou por quedarse no seu municipio natal e por dirixir a súa actividade cara o sector primario. “Quero intentar montar aquí algo e saír adiante para non ter que irme fóra da miña zona. Empecei este ano, intentamos probar co mel, co aceite, con licores que fixemos nós tamén, para presentar algo de todo”, explica.

 

A prodtura Iria Carballedo, na mostra.

 

Mentres os visitantes e os veciños percorrían a mostra, na que tamén había produtos gastronómicos tradicionais de Quiroga como aceites, licores ou marmeladas artesás; soaba a música do grupo local de gaitas O Recanto. Ademais esta mostra coincidía coa feira e mercado do mes en Quiroga.

Dende a organización deste evento, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, facía un balance moi positivo desta edición. “Estiven percorrendo os postos e falando con todos os colleiteiros e tiveron moito movemento e vendas. Son produtos autóctonos e que haxa esta demanda por parte do público é moi importante, estamos xa na 28ª edición da feira e fecilitámonos todos por esta resposta”, indicaba o rexedor. Ademais destacaba o feito de contar cunha nova apicultora no municipio, “iso é fundamental para manter o relevo xeracional”, así como a calidade e singularidade do mel quirogués.

Fotos: Carlos G. Hervella, agás as dúas primeiras que son cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button