CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Quiroga proxecta ampliar as instalacións do seu Museo Xeolóxico

Este proxecto amosábaselle aos expertos José Ramón Vidal e Aurora Grandal D’Anglade, da Universidade da Coruña

José Ramón Vidal Romaní, director do Instituto Universitario de Xeoloxía da Coruña e Aurora Grandal D’Anglade, profesora de paleontoloxía da Universidade da Coruña achegabánse na mañá do 5 de decembro ata o Museo Xeolóxico de Quiroga para coñecer o proxecto de ampliación desta edificación. Os dous profesores, implicados dende o primeiro momento con estas instalacións museísticas, apoiaron esta ampliación e aproveitaron a reunión co alcalde, Julio Alvarez, e co director do Museo, Ramón Vila, para aportar ideas e propostas de cómo cubrir os novos espazos.

O proxecto de ampliación xa está orzamentado en 71.000 euros, cantidade que será sufragada en gran parte polos fondos Leader que manexa o GDR Ribeira Sacra-Courel. Unha parte da obra estará acometida polos traballadores do obradoiro SilLor.

Esta intervención no museo local de Xeoloxía e Paleontoloxía permitirá exhibir unha ampla serie de pezas que agora non poden mostrarse ao público por falta de espazo. As obras permitirán a ampliación do museo polos dous laterais e tamén pola parte traseira, polo que todas as súas salas terán maior amplitude. Ademais crearase unha nova sala que servirá para proxeccións audiovisuais.

 

Os dous expertos da Universidade da Coruña coñecendo o proxecto de ampliación do museo.

 

A estrutura do museo

A primeira das cinco salas do museo está dedicada a formación do territorio de Galicia, coa análise do pregamento de Campodola-Leixazós. O contido desta tamén conta cunha colección de minerais e rochas procedentes da bisbarra, que pretende ampliarse. A segunda sala céntrase na historia paleontolóxica. Aquí amósanse diferentes fósiles animais todos eles poboadores desta serra, entre os que destacan o esquelete completo dun oso das cavernas. O proxecto de ampliación contempla que acolla a colección de fósiles recollida en diferentes puntos da comarca polo biólogo Manuel García Ávila e cedida ao concello.

Unha terceira estancia está dedicada á idade dos xeos, representada por cantos de depósitos glaciares recollidos na zona da Lucenza, que se ampliará coa estalagmita da Cova de Arcoia, que permitiu estudar a secuencia climática. A cuarta das salas aborda as primeiras ocupacións humanas da zona. Nesta sala pódense ver dez cranios dos primeiros humanos e ferramentas líticas do Paleolítico e do Neolítico, atopadas na zona da Hermida e na que se contempla albergar a reconstrución da muller prehistórica coñecida como Elba (a pastora do Courel), cuxos restos foron descubertos hai anos nunha cova da serra do Courel.

Finalmente a última sala, na que se expoñen bloques de distintos minerais collidos na zona representa a parte da nosa minería, tamén se ampliará.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button