ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga rende tributo aos colleiteiros, “auténticos protagonistas da Feira do Viño”

O Auditorio Municipal acollía este venres unha homenaxe aos produtores que participaron nesta mostra ao longo das súas catro décadas

 

Con catro décadas de historia, a Feira do Viño de Quiroga constitúe un referente vitivinícola de festivo no marco galego. Detrás deste evento hai un gran esforzo organizativo e moitas colaboracións, pero “tamén outra parte fundamental, imprescindible é o viño. Retomo as palabras de Uxío Novoneyra, Quiroga é un viño, e sen colleiteiros esta feira non existiría”. Así o destacaba o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, no mediodía deste Venres Santo, no que a comisión organizadora da Feira do Viño quiroguesa lle rendía unha especial e sentida homenaxe aos colleiteiros no marco dos actos do programa “Lembranzas”.

Despois de dous anos sen poder celebrarse debido á situación sanitaria, o Concello de Quiroga decidía que neste 2021 estas datas non podían pasar desapercibidas “e queríamos ter un momento especial de recordo para todos aqueles que foron os auténticos protagonistas, os colleiteiros. Un pequeno detalle conmemorativo”, engadía o rexedor.

 

 

Así, a esta homenaxe asistían as familias de 5 colleiteiros (as de Manuel González, Mateo Nogueira, Emilio López, Guillermo Nogueira e Jesús Rodríguez), as demais faréselles chegar este agasallo. Coa entrega dunha botella de viño (de anteriores edicións da feira) e dun diploma facíase un recoñecemento aos produtores “que xa non están con nós pero que o seu traballo permanece. Queremos recoñecer e agradecer a eles e a todos e cada un dos que participaron ao longo dos corenta anos de historia da Feira do Viño o seu traballo e dedicación para a elaboración dos viños participantes na mostra”, indicaba o alcalde, nun acto que estaba acompañado por outros membros do equipo de goberno.

 

 

“O viño non morre está vivo e os colleiteiros que xa non están con nós seguen permanecendo nestas botellas que deixaron aquí hai moitos anos, gardádeas porque son historia dunha data importante”, resaltaba Julio Álvarez ao termo da homenaxe, que se desenvolvía no Auditorio Municipal de Quiroga, recinto da exposición “40 anos da Feira do Viño de Quiroga”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button