ConcellosQuirogaÚltima hora

Quiroga ten unha nova centenaria, Gimena Rodríguez

 

Gimena Rodríguez Tejelo é a nova centenaria de Quiroga. Esta fin de semana foi o día da súa onomástica e unha data tan sinalada non podía deixar de celebrarse. E Gimena así o fixo e non unha vez senón tres veces.

A primeira celebración, como non podía ser menos, foi coa familia. Numerosos familiares entre os que se atopaban os seus tres fillos, os cinco netos e os catro bisnetos, déronse cita nunha comida que foi toda unha sorpresa para a homenaxeada que non esperaba xuntar a toda a familia pois non todos viven cerca. Nesta celebración non faltou unha torta que representaba unha horta, algo que identifica moi ben á señora Gimena, posto que traballou toda a súa longa vida no campo e ata fai moi poucos anos aínda atendía a súa horta.

Despois chegaría a celebración cos seus veciños. Aínda que natural de Barxa, cando casou foi vivir a San Vitoiro, outro pobo do municipio distantes entre si pouco máis de 2 km. e onde segue vivindo coa súa filla.

E na tarde de onte outra festa, nesta ocasión no Centro de Día da Ribeira de onde é usuaria. Arroupada polos compañeiros e traballadoras do centro e acompañada de música de gaitas chegaría a torta de celebración e tamén os agasallos. O propio alcalde de Quiroga, Julio Alvarez, faríalle entrega dunha placa en recordo do seu centenario.

Gimena goza aos seus 100 anos dunha envexable saúde e mostra diso foi que deu boa conta da torta de aniversario, acompañouna dun trago de sidra e incluso se atreveu cun baile.

Fotos: Concello de Quiroga.

 

Artigos relacionados

Back to top button