PolíticaÚltima hora

Rafael R. Villarino: “Necesitamos que no incendio se actúe con máis planificación e coordinación”

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE visitaba esta mañá Alixo (O Barco) acompañado de deputados e doutros representantes do partido

 

Representantes do PSdeG-PSOE visitaban esta mañá a Alixo (O Barco), unha das localidades de Valdeorras que se viron arrasadas polo lume que afecta a esta comarca dende o pasado xoves. Na visita participaron o voceiro provincial, Rafa Villarino; os deputados e deputadas provinciais, Marga Pérez, Susana Rodríguez e Álvaro Vila; o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás; a deputada no Congreso, Uxía Tizón, e a deputada no Parlamento de Galicia, Marina Ortega. Reuníanse alí coa concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, veciña desa localidade.

“Este é o resultado dun incendio que comezou a afectar a Alixo no mediodía do domingo. Este incendio é o rescoldo do de Riodolas que levaba xa catro días ardendo e que a Xunta deu por estabilizado, unhas horas despois tiñámolo aquí. Para apagar estas seis casas que arderon había só 2 bombeiros cunha motobomba, que estiveron traballando arreo axudados polos veciños cando nos deixaron botar man. Pero eles tiveron que marchar porque houbo cambio de turno, nese cambio non mandaron a ninguén, estiveron a través do GES Valdeorras cunha bomba de 400 litros e o resultado foi este”, explicáballes Margarida Pizcueta.

Tamén contaba que para facerlle fronte ás chamas había en Alixo “14 veciños, incluso menores axudando, non tiñamos luz, nin auga, o que tiñamos era moitas ganas de apagar isto, cuns cubos e auga dunha piscina o que fixemos foi conseguir que non traspasase as casas doutra xente, porque estas xa estaban perdidas”.

Pizcueta comentaba tamén que “non sei se os responsables tomaran nota de todo isto. Hai moito traballo que facer, sobre todo, en prevención, ao mellor os cartos axudan para que se volvan levantar as casas, pero temos que traballar para que isto non se volva repetir”.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, aseguraba durante a visita que “de todos é coñecido que os lumes apáganse en inverno con labores de prevención, con actuacións planificadas, e iso é o que necesita o agro e, sobre todo, o rural en Galicia. Non é precisamente a nosa terra o exemplo de planificación, previsión, nin de coordinación, ben o saben os veciños de Alixo, cunha situación de pánico na que un incendio aparentemente extinguido deu lugar ao que puido ser unha catástrofe. A mellor noticia que temos é que non hai desgrazas humanas, pero puido habelas e o que temos que pensar é que a coordinación e os traballos en equipo dos dispositivos oficiais da Xunta, non funcionaron. Se non é polo traballo dos veciños, hoxe teríamos unha catástrofe e unha traxedia moito máis grande en Alixo e probablemente noutros lugares. Hai que tomar nota”.

Neste senso, Villarino engadía que “o goberno da Xunta de Galicia leva moitos anos á fronte da mesma e, sen embargo, non mudaron as políticas que un ano tras outro nos levan a situacións de pánico como estas. Dende o grupo socialista faremos todo o posible para que cheguen axudas que faciliten que esta situación poida reverterse, pero non se trata agora de reconstruír casas, senón de planificar un futuro no que a xente poida vivir mellor e máis segura”.

Así mesmo, o secretario provincial do partido socialista en Ourense recoñecía e agradecía o labor das persoas que forman parte do operativo de extinción, así como das forzas de seguridade e da UME, “pero, sobre todo, temos que incidir en que é a coordinación política a responsable de que todo este dispositivo funcione, necesitamos que actúen con máis rigor e con máis planificación”.

Artigos relacionados

Back to top button