PolíticaÚltima hora

Rafael R. Villarino: “No último mandato tivemos os mellores resultados da historia do partido socialista na provincia”

O actual secretario xeral do PSdeG-PSOE en Ourense opta á reelección neste cargo

Rafael Rodríguez Villarino./ Cedida.

 

Co fin de darlle continuidade ao proxecto iniciado no 2017, Rafael Rodríguez Villarino presentaba a súa precandidatura á reelección como secretario provincial do partido socialista en Ourense. Agora está no proceso de recollida e presentación de avais, cuxo prazo rematará o 8 de xaneiro de 2022.

“Nos últimos 4 anos tivemos os mellores resultados da historia do partido, iso levounos a que por primeira vez o PP perdera a súa hexemonía nesta provincia, e ese resultado tivo un efecto paradoxa na capital, onde ganamos claramente e fomos a primeira forza política, con máis de 2.000 votos sobre o PP. Pero houbo un pacto perverso entre o PP e Democracia Ourensana para manter no poder a Manuel Baltar. Entón o noso obxectivo é traballar intensamente para que o proxecto que se leva tantos anos bloqueando dende o PP, deixe de ter ese freo que impide que Ourense se desenvolva. Ese é o comezo dunha nova era, que foi bloqueada polo PP, pero que inevitablemente se vai consolidar. E ese é o labor que temos que seguir facendo, representando á cidadanía e con máis apoios que nunca no eido municipal”, explica Villarino.

Neste senso, Villarino, que é deputado provincial, matiza que nas últimas eleccións locais o PSdeG lograba os mellores resultados “tanto en número de concelleiros e de alcaldías, como en representación na Deputación de Ourense, na que o PP perdeu a súa maioría”.

Unha vez que se abra o período da campaña das primarias propiamente dita, Rodríguez Villarino ten previsto manter encontros coa militancia. “Ao longo destes catro anos estiven permanentemente en contacto coa militancia, entón simplemente supón continuar co que xa viña facendo, obviamente coas limitacións e cautelas pola pandemia”.

Tamén se amosa convencido de que a única alternativa que ten agora mesmo a provincia para “saír da situación de bloqueo, atraso e declive na que se atopa é o partido socialista, que é un partido socialista moderno, que lle dá un peso significativo ao papel das mulleres e que se vai poñer na vangarda, que é o lugar que lle corresponde. E todo iso, facéndoo ademais pese aos todos os bloqueos aos que estamos sometidos e que levaron nalgún momento a que o PP esixira a miña retirada da vida política porque vía a ameaza que, efectivamente, se cernía sobre o seu predominio durante varias décadas á fronte da Deputación de Ourense”.

Rafael Rodríguez Villarino pensa que “hai que ter valentía e hai que ter valía, e a xente que está á fronte do PSdeG debe manter ese mesmo espírito para conseguir os resultados que necesita”.

Artigos relacionados

Back to top button