En portadaPolíticaÚltima hora

Rafael R. Villarino, reelixido secretario provincial do PSdeG-PSOE en Ourense

Lograba 709 votos, fronte aos 516 obtidos por Alfredo García neste proceso de primarias

Rafael Rodríguez Villarino./ Cedida.

 

Cun resultado de 709 votos (57% do total), Rafael Rodríguez Villarino vén de resultar reelixido neste 23 de xaneiro como secretario provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Ourense, tal e como reflexa o escrutinio de sufraxios que os militantes depositaban nas mesas electorais abertas na provincia ata as oito da tarde.

O outro candidato neste proceso de primarias, o alcalde do Barco, Alfredo García, lograba un total de 516 votos. Tamén había 12 brancos e 3 nulos. En total rexistrábase unha participación de 78,98% neste proceso electoral, segundo os datos feitos públicos dende o partido socialista. No caso da sede do partido socialista no Barco, Alfredo García lograba 51 votos e Rafael Rodríguez Villarino 4.

 

Alfredo García, comparecendo antes os medios de comunicación tras coñecerse o resultado do escrutinio./ Cedida.

 

“Quero comezar dando as grazas á militancia cunha participación histórica que ronda o 80% en toda a provincia, tamén na cidade”, dicía Villarino tras facerse público o resultado, “é algo para agradecer porque o partido socialista hónrase de ter primarias e estas primarias hónranse tamén de representar ao partido. Quero comezar felicitando ao meu compañeiro, Alfredo, que forma parte deste partido e é un alcalde senlleiro, seguirá sendo o meu compañeiro e axudareino en todo o que sexa necesario. E foi unha campaña ademais decorosa, na que por suposto ten que haber algunha crítica, pero na que a militancia acaba de demostrar, tanto na cidade na provincia, que apoia o modelo do partido na provincia destes últimos 4 anos, que apoia o modelo de partido que  nos levou a que por primeira vez na historia a Deputación provincial deixara de ter unha maioría absoluta e que apoia ese cambio que nos vai levar en menos de 17 meses a un cambio de goberno na provincia e na cidade de Ourense”.

O recén reelixido secretario provincial do partido socialista amosaba o seu agradecemento aos apoderados das dúas candidaturas, así como aos equipos de traballo “que coincidiron nesta candidatura, e tamén ao que estaba na outra, entre todos estamos facendo un partido socialista máis forte, un partido socialista que é referente para esta provincia e para esta cidade, un partido socialista que vai gañar as próximas eleccións e un partido socialista exemplo de participación en Ourense, en Galicia e en España”.

 

 

Ademais Villarino anunciaba que a partir de mañá comeza unha “nova etapa na que nos encamiñados directamente ás municipais cun partido forte e cohesionado, e eu non facer outra cousa máis que unir este partido, que é, como di o noso lema, imparable”.

Alfredo García comentaba tras darse a coñecer os resultados que “nós percorrimos esta provincia durante seis días pedíndolle aos compañeiros que falaran co seu voto e, loxicamente, falaron e dixeron que lles gusta como está o partido e que preferían seguir sendo dirixidos polos actuais responsables provincia. Polo tanto, pola miña parte e dos meus compañeiros non temos nada que dicir. Nós perdimos, pero conseguimos que grazas á nosa participación fomos quen de se mobilizara esa cantidade tan grande de militantes, pero nada que dicir. Quedámonos con esa sensación que tivemos durante todos estes días, comarca a comarca, e iso é o positivo, iso non nolo vai quitar ninguén. Nese senso, encantados. A vida segue, o partido segue, e eu espero que continúe polo bo camiño e que estas primarias sexan polo ben de todos”.

 

Artigos relacionados

Back to top button