OurenseÚltima hora

Rafael Rodríguez e Noela Blanco desputaranse a dirección do PSOE de Ourense

Ambos candidatos foron os que máis votos obtiveron da militancia nos comicios de hoxe, 427 e 336 respectivamente, e ao non obter o gañador o 50% dos votos, terán que facer unha segunda volta o 30 de decembro
Rafael Rodríguez Villarino e Noela Vázquez na sede da Rúa Ribeira de Canedo, en Ourense. // Foto: Carlos Asensio.

Rafael Rodríguez Villarino, alcalde de Amoeiro, e a deputada Noela Blanco son os dous candidatos elixidos pola militancia socialista ourensá para loitar pola Secretaría Provincial do PSdeG-PSOE. Cunha “participación do 70%”, dixo Rafael Rodríguez Villarino, foron 1088 votos emitidos dun censo total de 1539 persoas. En canto ao desglose, 12 foron votos en branco e 6 nulos en toda a provincia. Rafael Rodríguez obtivo un total de 427 votos, sen superar o 50% de votos necesario, por iso el e Noela Blanco, que obtivo 336 votos, irán a esa segunda volta o día 30 de decembro. Pola súa banda, o terceiro candidato, Pachi Vázquez, quedou fóra con 307 votos.

A sede de Ribeira de Canedo era un rebulir na tarde de hoxe, 17 de decembro. Tras darse a coñecer os resultados, cara ás nove menos cuarto da tarde, ambos candidatos fixeron declaracións aos medos. Rafael Rodríguez tivo palabras para Pachi Vázquez: “Tivo un moi bo resultado”, dixo. Dos resultados asegurou que “foron moi axustados”. Rodríguez tivo un discurso unionista reiterando que “tanto a cidade como a provincia é unha única candidatura”. O alcalde de Amoeiro reiterou que na segunda volta “esa ruptura debería ser inexistente” e que confía que tras eses segundos comicios “poidamos confluír e formar un partido máis grande”.

Pola súa banda, Noela Blanco amosouse “satisfeita” polos resultados obtidos. Asegurou que agora comeza unha nova etapa “na que se trata de sumar persoas a este proxecto”. En canto a se vai haber pactos na segunda volta, Blanco foi tallante, “van decidir os militantes libremente, eu sempre dixen que non había bandos, o meu pacto é o pacto coa militancia”, dixo.

No eido dos concellos, en Ourense capital, con 598 censados e 397 votos emitidos, Rafael Rodríguez foi o gañador con 288 votos, seguido de Noela Blanco con 100 e Pachi Vázquez en terceiro lugar con 88. En Barbadás, con 47 censados e 27 votos emitidos, Rafael Rodríguez tivo 18 votos, Noela Blanco 9 e Pachi Váquez cero.

No Carballiño, outro dos puntos clave destas primarias con 156 censados e 135 votos emitidos, a maioría foron para Pachi Vázquez (108), quedando os restantes para Blanco e Villarino; 19 e 6 respectivamente. En cambio, en Ribadavia -78 censados e 48 votos emitidos-, a gañadora foi Noela Blanco con 57 votos, seguida de Rafael Rodríguez 5 e Pachi Vázquez 1.

Finalmente, en Verín, con 60 censados e 55 votos emitidos, Villarino fíxose con 36 votos, Pachi Vázquez con 17 e Noela Blanco 2.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button