PolíticaÚltima hora

Rafael Rodríguez Villarino (PSdeG-PSOE): “Vamos a desparasitar a Deputación”

O candidato á Secretaría Provincial reiterou que a súa candidatura é “inclusiva” e que vai facer unha Conferencia Política Provincial para xuntar á militancia
Rafael Rodríguez Villarino. // Foto: Carlos Asensio.

O candidato á secretaría provincial do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, ofreceu na mañá de hoxe, 20 de decembro, un almorzo informativo coa prensa no que falou da súa candidatura e do que ten pensado se sae vencedor na segunda volta do 30 de decembro.

Concretamente falou de “desparasitar a Deputación”, o socialista falou de “traerlle aire fresco” e eliminar o “clientelismo” da institución provincial. Villarino reiterou que van traballar “polo ben común”. O candidato falou en clave electoral, co ollo posto nas vindeiras eleccións locais do 2019.

Ante a pregunta da falta de tempo, posto que o PP xa está en precampaña, asegurou que “en Amoeiro – localidade que rexe- faltaban 4 meses para as eleccións e conseguimos crear ilusión na cidadanía, e iso que só tiñamos un concelleiro”, reiterou. A estratexia que Villarino di que vai seguir para eliminar esa suposta rede clientelar da que fala é “actuando para o ben común, con iso dilúese o efecto do caciquismo”. “Queremos entrar no século XXI dunha vez por todas”, dixo.

Villarino referiuse, sobre todo, á creación dun Plan Estratéxico Provincial, “porque o actual goberno non o ten, xa que é un plan de como dar as subvencións a dedo”. Así é todo, asegurou que por el “eliminaría as Deputacións”. Por este motivo falou de dotar de medios económicos aos concellos para eliminar da maior carga posible ao organismo provincial. “O único que estamos facendo é a revolución da normalidade”. Asegurou que a xente “vaise sentir moito mellor cando no 2019 liberemos a esta provincia”.

Neste eido adiantou que ten pensado organizar “A primeira Conferencia Política na provincia” para xuntar á militancia e falar con ela. “Será un foro para o cambio social e político en Ourense”.

En canto ao tema do voceiro socialista dentro da Deputación, tras a polémica xurdida coa destitución de Ignacio Gómez -actual alcalde de Ribadavia-, Villarino asegurou que ese tema “vaise tratar dentro do partido”, reiterando que a súa candidatura “é inclusiva” e que as cuestións internas e orgánicas “son irrelevantes á cidadanía”.

No eido dos outros candidatos, Rafael Rodríguez Villarino contou que non tivo contacto con Pachi Vázquez tras a primeira volta: “Sei que me felicitou a través das redes sociais”. En canto a se pensa captar os votos do “pachismo”, reiterou que ese tema é un alcume dos medios “nós imos falarlle á militancia, non excluímos a ninguén” e asegurou que irá ao Carballiño a pedir o voto.

No que se refire a Noela Blanco, a súa contrincante á Secretaría Provincial o vindeiro día 30, dixo que está a levar una “campaña paradóxica” na que fala de pasar páxina “pero segue a falar do pasado”. Do que espera dela é “oírlle falar de cambio nesta provincia”. Reiterou que Blanco “fala de continuísmo, e tería que explicar ela o que é” e remarcou que “hai que lembrar o pasado para poder pasar páxina”.

Cidade

Un dos principais obxectivos para o cambio socialista na provincia para Villarino pasa pola capital. “En Ourense fai falta un cambio político xa que hai unha desafección moi grande”. O candidato falou de “un proxecto alternativo, no que hai que falar moito coa xente, xa que nos están pedindo que fagamos cousas”. En canto á selección de candidato, reiterou que “terá que ser a Conferencia Política a que decida aos candidatos”.

No eido das relacións coa directiva galega. Rafael Rodríguez Villarino dixo que “vai cambiar por completo” xa que coincide con Gonzalo Caballero na “idea de cambio de partido”.

 

Artigos relacionados

Back to top button