Galerías de fotosPolíticaSen categorizarÚltima hora

Rajoy, no Carballiño: “Feijóo gañou por incomparecencia de todos os demais”

O presidente en funcións participou nun mitin na vila ourensá, onde reinvindicou un “goberno á galega” cunha nova maioría absoluta

O presidente do goberno en funcións, o popular Mariano Rajoy, culminou esta tarde a súa viaxe electoral pola provincia de Ourense no Carballiño. Nesta vila ourensá ofreceu un mitin, onde loou o papel que o candidato popular á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desempeñara no debate electoral emitido na noite do luns na Televisión de Galicia: “gañou por incomparecencia de todos os demais”, dixo, definindo ao resto das formacións como unha “ensalada de partidos que queren facer un goberno que cree problemas e dificultades”. Neste marco, pediu o voto dos galegos e reivindicou un “goberno á galega”, que significa, segundo explicou, unha coalición entre dous: “o Partido Popular e a xente”.

O encontro cos veciños do Carballiño tivo lugar no auditorio da vila. Pese á densa chuvia que caeu por momentos, mantívose a expectación. As 400 butacas coas que contaba o edificio souberon a pouco e foron moitos os que se apostaron aos laterais para escoitar de pé as verbas dos populares. Coa ausencia de Feijóo presente, o presidente do partido nacional estivo arroupado polo líder do partido na provincia, Manuel Baltar, e a cabeza de lista por Ourense ao Parlamento de Galicia, Marisol Díaz Mouteira. Exerceu de anfitrión o ex alcalde do Carballiño e actual líder da oposición na corporación local, Argimiro Marnotes.

Este último foi o que iniciou o evento. Agradeceu á cúpula nacional a súa presenza no municipio termal e pediu o voto aos seus concidadáns “para que Rajoy teña máis presión en Madrid”, expuxo, deixando claro que “un pacto entre o PP e a xente evitará a mestura doutras cousas”. Díaz Mouteira sucedeuno sobre as táboas, onde destacou o papel dos populares fronte a outras formacións ofrecendo “proxectos, futuro e estabilidade”.

Pola súa banda, Baltar puxo o aceno na importancia de preservar institucións como as deputacións provinciais. “O Estado e a Xunta teñen nas deputacións un aliado indiscutible para garantir os dereitos e oportunidades de todos os cidadáns”, proclamou, e agradeceu o “reforzo do papel” deste tipo de administración levado a cabo polo goberno de Mariano Rajoy. Tamén lembrou que a provincia se convertiu na segunda de todo o territorio español que máis apoio rexistrou aos populares nas últimas eleccións, un escenario que, segundo cre, se repetirá na vindeira cita coas urnas o 25S.

Pechou as intervencións o propio Rajoy, que comezou lembrando que os seus primeiros anos de vida os pasara na vila carballinesa. “Sempre levei e levarei ao Carballiño no corazón”, dixo, e mostrouse orgulloso de ser o primeiro presidente do goberno en España en visitar o municipio. Criticou ao líder dos socialistas nacionais, Pedro Sánchez, a quen culpou da situación de bloqueo na política nacional, e invitou aos galegos a evitar ese escenario en Galicia co seu voto. “Temos un excelente candidato”, continuou e subliñou a importancia de Ourense nestes comicios: “esta provincia e este PP estarán á altura das circunstancias”, concluíu.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button