OurenseÚltima hora

Ramirás recibirá aos Reis Magos con cantos tradicionais o 5 de xaneiro

Ás 16:00 sairá a Comitiva Real e pasarán por diferentes aldeas do Concello e, ás 16:30 horas, visitarán a Residencia do Mosteiro, entre outras actividades

As súas maxestades, os Reis Magos de Oriente, confirmaron, un ano máis,  a súa visita a Ramirás convidados pola Asociación Rebulir e polo Concello de Ramirás.

Será o vindeiro venres, día 5, e farán un percorrido por diferentes lugares desas terras. Comezarán facendo un roteiro polas aldeas da zona máis alta do Concello, para posteriormente facer unha parada na residencia da terceira idade do Mosteiro e visitar aos seus residentes e familiares. Logo, ás 17:30 horas, acompañados pola súa corte e garda persoal, farán a súa chegada nos coches oficiais ao Centro Cultural do Picouto, onde saudarán aos rapaces da vila. Posteriormente, a súa comitiva pasará de novo por diferentes aldeas deste Val do Tuño.

A comitiva estará formada por vehículos antigos destinados a uso persoal de cada un dos reis e a súa corte; escoltará a garda real que velará en todo momento pola seguridade das Súas Maxestades e, durante todo o percorrido, tamén estarán acompañados polos músicos e cantareiras da Asociación Rebulir.

Tamén contarán coa visita do carteiro real, que nestes días previos á visita das Súas Maxestades, ten establecida unha oficina provincial no Centro Cultural de San Andrés (Vilavidal). O venres, día 5, estará de novo recibindo aos nenos e, para iso, contará coa axuda das animadoras de Xurxemurexe para amenizar a espera da comitiva real.

Cabe salientar que os membros deste colectivo recuperarán un ano máis os cantos de reis que tradicionalmente se cantaban de casa en casa. Deste xeito, a mocidade percorrerá, ata altas horas, as casas das aldeas da zona tocando e pedindo o aguinaldo, como se facía antano.

Programa da cabalgata.

Artigos relacionados

Back to top button