SanidadeÚltima hora

Ramón Ares, novo director xeral de Asistencia Sanitaria

Entre os cargos que ten ocupado ao longo da súa traxectoria estivo o de xerente do Hospital Comarcal Valdeorras
Ramón Ares, na súa toma de posesión como director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.
Ramón Ares, na súa toma de posesión como director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Na mañá do 27 de abril Ramón Ares Rico tomaba posesión como novo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde. Este acto estivo presidido pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera.

Ramón Ares, natural de Melide, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, realizou un curso de doutoramento, Suficiencia Investigadora, pola Universidade de Vigo. Tamén se formou como especialista en Saúde Pública na Universidade de Santiago, e conta cun máster en Dirección e Organización de Hospitais e Servizos de Saúde da Universidade Politécnica de Valencia. Ten, ademais, unha titulación como experto en Admisión e Documentación Clínica, impartido na Universidade Complutense de Madrid.

Ares iniciou a súa carreira profesional como médico de Promoción e Protección da Saúde, interino da Consellería de Sanidade en 1985, e desenvolveu diversos cargos na Consellería, primeiro na Delegación Provincial da Consellería en Ourense, na sección de Epidemioloxía, e despois, a partir de 1991, en servizos centrais primeiro como asesor técnico en Atención Especializada, e posteriormente como xefe da Sección de Concertos.

No ano 1994 incorporouse como coordinador de admisión do Complexo Hospitalario Cristal-Piñor de Ourense, e posteriormente entre os anos 1996 e 2005 ocupouse da dirección das xerencias de varios hospitais: Comarcal de Valdeorras en 1996, Hospital da Costa (Burela) en 2000; e Xeral Calde de Lugo en 2002. Entre 2006 e 2009 desenvolveu a dirección médica da Fundación Pública Hospital do Salnés, para pasar despois á Xerencia do Hospital Virxe da Xunqueira en Cee. Por último, no ano 2012 incorpórase á dirección de Procesos Asistenciais da creada EOXI de A Coruña.

Artigos relacionados

Back to top button