CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

A Rapa das Bestas dende a mirada do barquense Sindo Novoa

Este fotógrafo vén de inaugurar no Centro Cívico Cultural de Arteixo (A Coruña) unha mostra sobre esta tradición galega

Mergullarse na intensa e anterga tradición da rapa das bestas a través da imaxe. É a proposta que fai o fotógrafo barquense Sindo Novoa a través da exposición “Un Día na Rapa das Bestas (Do monte ó curro)”, que se inauguraba na tarde do 19 de febreiro no Centro Cívico Cultural de Arteixo (A Coruña). Poderá visitarse ata o vindeiro 16 de marzo.

“A serie consta de 20 fotos onde podemos atopar os cabalos salvaxes cando están ceibos no monte, instantes durante a baixada cara Sabucedo e tamén momentos dentro do curro, onde se produce a rapa e desparasitación”, explica Novoa. A imaxe que ilustra o cartel da mostra “formou parte dunha galería de 30 das mellores fotos do Concurso ≠MiMejorFoto en twitter (entre 1.800 fotos que participaban) e que publicaron no Blog Punto de Enfoque no Periódico El País”, engade o fotógrafo.

Esta exposición chega a Arteixo despois de estar entre maio e xullo do pasado ano no Concello da Estrada, onde se retiraba tras a finalización da Rapa 2017, festa declarada de interese turístico internacional. A intención de Novoa é que siga movéndose nos vindeiros meses por outras cidades galegas e tamén lle gustaría que puidera verse no Barco, o seu concello natal.

Fotos cedidas por Sindo Novoa.

 

Cartel da exposición.

Artigos relacionados

Back to top button
Close