OurenseÚltima hora

Ratificado o inicio do expediente para nomear fillo predilecto da provincia a José Quiroga Suárez

No pleno celebrado hoxe pola Corporación provincial tamén se aprobaban, entre outros puntos, unha moción sobre o tratamento da silicose e o Plan de Cooperación de 2022 para financiar 105 obras municipais e de mantemento da rede viaria provincial

 

O pleno da Deputación de Ourense, reunido hoxe en sesión ordinaria correspondente ao mes de febreiro baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou inicialmente o Plan de Cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para 2022, cun orzamento de máis de 6,2 millóns de euros. Desta cantidade, 3,4 millóns están destinados ás obras e servizos municipais, onde cada concello recibirá unha achega de 51.000 euros, dos que 48.000 serán para a execución da obra e os restantes 3.000 para servizos complementarios como redacción de proxectos. No caso da entidade local menor de Berán, a achega será de 24.000 euros, dos que 2.000 serán para eses servizos complementarios.

Neste apartado de obras e servizos, os concellos poden incrementar as achegas da Deputación a través de recursos propios co fin de executar proxectos de maior custo. No presente exercicio son oito os concellos que optaron por esta modalidade, con achegas municipais que superan os 357.000 euros. Ademais, mantense a posibilidade de adhesión á base 9ª, creada en 2020 como un réxime especial a causa da pandemia da covid-19, de tal xeito que os concellos poden solicitar o ingreso nas súas arcas de todo o importe da achega provincial, é dicir, 51.000 euros, para destinalos a amortización de créditos ou ao financiamento de gastos correntes derivados da prestación de servizos. Para este ano son 26 os concellos que optan por esta vía, o que supón máis de 1,3 millóns de euros do Plan de Cooperación.

No tocante á mellora e conservación da rede viaria provincial, o orzamento é de 1,5 millóns de euros para executar ata doce proxectos, entre os que destacan dúas obras valoradas en 220.000 euros cada unha nos municipios de Monterrei e Castrelo de Miño.

O documento aprobado hoxe inclúe un plan complementario que permite contar cunha carteira de proxectos que se executarían na medida en que existan créditos dispoñibles por anulación de obras ou baixas nas licitacións, así como tamén co obxectivo de obter a declaración de utilidade pública naquelas obras que precisen da expropiación de terreos para a súa execución. Para as obras municipais, este plan complementario ten un orzamento de máis de 1,7 millóns de euros, dos que case 116.000 euros corresponden a proxectos que contan con achega municipal. Entre tanto, para a rede viaria provincial prevese un orzamento de 4 millóns de euros.

Xestión de residuos

Tamén se aprobou definitivamente o cambio do modo de xestión do servizo público intermunicipal de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos, que pasa da xestión directa a indirecta. O pleno ratificou así o acordo adoptado na sesión de decembro do pasado ano, polo que se considera que a forma máis adecuada para prestar este servizo é a xestión indirecta a través das modalidades previstas na lei, é dicir, mediante un contrato con prestación directa á cidadanía ou unha concesión de servizos. O pleno tamén desestimou dúas reclamacións presentadas contra este expediente.

Entre outros asuntos, no pleno aceptouse a delegación de competencias a favor da Deputación solicitada polo Concello de Castrelo de Miño, para a expropiación de terreos destinados á construción da estación de tratamento de auga potable en San Esteban, así como a toma de auga desde o río Miño para abastecemento do municipio. Tamén acordouse solicitar ao Consello da Xunta unha prórroga, ata o 14 de marzo de 2024, da autorización para a asunción por parte da Deputación da prestación dos servizos mínimos obrigatorios do Concello dos Blancos, entidade que mantén vixente un plan de axuste aprobado pola corporación local en 2017 cunha duración de dez anos. Ademais, na orde do día figuraba unha modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT) para a incorporación dun posto de persoal eventual como asesor político para o grupo Democracia Ourensana, e un cambio na representación de cargos no INORDE, nomeando ao deputado provincial Armando Ojea en substitución de Miguel Caride.

Expedientes de honras

No capítulo de honras ratificouse o inicio do expediente para o nomeamento de José Quiroga Suárez (Petín, 1920 – A Rúa, 2006) como fillo predilecto da provincia a título póstumo, en recoñecemento dunha figura vital para o desenvolvemento do autogoberno galego, exercendo como presidente da Xunta de Galicia entre 1979 e 1982. O expediente terá como instrutor ao vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández.

Por outra banda, aprobouse a concesión da Medalla de Ouro da provincia ao profesor ourensán José Paz, como homenaxe e recoñecemento “a unha longa traxectoria cultural marcada polo seu carácter renovador no ensino e reivindicativo no idioma, que o converteu nun referente tanto dentro como fóra dos limites da nosa provincia”, sinala no expediente o instrutor e vicepresidente César Fernández.

Mocións sobre tratamento da silicose e atención digna no sector da banca

No capítulo de proposicións, a corporación aprobou dúas mocións. Na primeira, presentada polo partido socialista, solicítase a mellora da diagnose, valoración, seguimento e tratamento da silicose en Ourense, instando á Xunta de Galicia á creación de dúas unidades na rede pública do Sergas, unha Ourense e outra en Pontevedra, así como a poñer en marcha un programa integral que conte ca participación das consellerías con competencias na materia, formación; protocolos de actuación ou seguimento e control da actividade e investigación. Tamén se solicita a implantación no Hospital de Valdeorras dunha unidade de pneumoloxía para o seguimento periódico de doentes, debido á incidencia de casos de silicose.

Na segunda moción, presentada polo BNG, pídese a adopción de medidas por parte do sector bancario para unha atención digna aos usuarios, solicitando á Xunta e ao Estado unha lei que garanta a atención persoal, cuns horarios mínimos, tanto a persoas con poucas habilidades dixitais como aquelas con dificultades de acceso a internet e impedindo contías mínimas para a retirada por caixa. Tamén se demanda unha rede mínima de oficinas, caixeiros e atención presencial para os consumidores, cunha lei que impida o peche de sucursais en zonas estratéxicas, tanto no rural como en barrios de contornas urbanas.

Artigos relacionados

Back to top button