ConcellosManzanedaÚltima hora

Raúl Santoveña, de Manzaneda, premio mellor investigador mozo da Real Academia Galega de Ciencias

Vén de publicar un traballo na prestixiosa revista "Nature Communications" que se basea no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na terra

Os investigadores da UDC do proxecto, Minia Manteiga, Raúl Santoveña, premiado pola RAGC e natural de Manzaneda, e Carlos Dafonte./ Foto: Real Academia Galega de Ciencias.

 

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de facer público a elección dos Premios de Investigación 2020 nas categorías sénior e mozos que recaeron en científicos do CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela e do CITIC da Universidade da Coruña.

Entre os galardoados está o xove investigador do CITIC Raúl Santoveña, natural de Manzaneda, distinguido co premio para investigadores mozos (dotado con 2.000 euros), no que se recoñece o traballo de científicos menores de 30 anos. O xurado elixiu o proxecto no que Santoveña contou coa colaboración do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC). Este investigador “participou de xeito determinante no descubrimento dun tipo de estrelas descoñecidas ata agora: as estrelas ricas en fósforo”, tal e como sinala a RAGC.

O seu traballo, publicado o mes pasado na prestixiosa revista Nature Communications, baséase “no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na Terra, dado que a práctica totalidade dos elementos químicos do universo se producen no interior das estrelas. O fósforo, xunto co carbono, o nitróxeno, o osíxeno e o azufre, é fundamental para o desenvolvemento dos seres vivos: forma parte das moléculas do ADN e do ARN e é imprescindible para o intercambio enerxético nas células e o desenvolvemento das súas membranas”, segundo informa a Real Academia Galega de Ciencias.

Ata o de agora a orixe da presenza de fósforo e da súa cantidade na galaxia era un misterio, sen embargo a alianza entre os astrónomos do IAC e o equipo do CITIC liderado por Santoveña abriu unha fiestra para desentrañalo. “Segundo os resultados obtidos, o máis probable é que o fósforo proveña da contaminación ocorrida na nube protoestelar na que se formaron estas estrelas”, segundo a información achegada pola Real Academia Galega de Ciencias.

O estudo galardoado caracteriza as propiedades físicas e químicas deste tipo de estrelas decoñecidas ata agora. Tanto o seu descubrimento como a súa caracterización precisaron do uso de minería de datos sobre centos de miles de observacións no espazo. Para iso foi determinante o desenvolvemento por parte do CITIC dun axente informático (baseado en tecnoloxías big data) capaz de recoñecer os trazos propios das liñas espectrais do fósforo que permitiron identificar estas particulares estrelas.

A elección dos galardoados vén de ser aprobada en pleno pola RAGC. O traballo científico distinguido co Premio de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros, céntrase no descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e conta coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.

Ademais a RAGC distinguiu tamén con mencións honoríficas a investigadores da Universidade de Vigo e da USC. Os premios serán entregados durante a celebración do Día da Ciencia en Galicia, o vindeiro 8 de outubro. Os galardóns, que chegan este ano á súa vixésimo novena edición, levan o nome Premios de Investigación Ernesto Viéitez.

Artigos relacionados

Back to top button