ConcellosManzanedaÚltima hora

Raúl Santoveña, de Manzaneda, recolle en Santiago o galardón concedido pola Real Academia Galega de Ciencias

O premio mellor investigador mozo éralle entregado no marco da celebración do Día da Ciencia en Galicia

 

Na tarde-noite deste xoves 8 de outubro, o Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, acollía a celebración do Día da Ciencia en Galicia. Un acto solemne no que foron entregadas as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias a cinco científicos de prestixio en cada unha das súas cinco seccións e tamén os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, para os que recibiron nesta edición cerca de 90 candidaturas.

E entre os galardoados deste ano atopamos ao enxeñeiro Raúl Santoveña Gómez, do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC e natural de Manzaned e veciño da Pobra de Trives, que recollía o seu premio para investigadores mozos. O seu traballo, publicado o mes pasado na prestixiosa revista Nature Communications, baséase no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na Terra, dado que a práctica totalidade dos elementos químicos do universo se producen no interior das estrelas. “O fósforo, xunto co carbono, o nitróxeno, o osíxeno e o azufre, é fundamental para o desenvolvemento dos seres vivos: forma parte das moléculas do ADN e do ARN e é imprescindible para o intercambio enerxético nas células e o desenvolvemento das súas membranas”, segundo informa a Real Academia Galega de Ciencias.

 

Raúl Santoveña Gómez durante a súa intervención.

 

Santoveña asistía ao acto acompañado polo seu irmán José Ángel, xa que debido á redución do aforo no salón, unicamente dispoñían dunha invitación. Con todo, o acto foi retransmitido por streamming e seguido pola súa familia dende Manzaneda. O seu pai, Fermín amósase orgulloso do logro de Raúl e a modo anecdótico comenta que fixo unha entrada por todo o alto. “Ían proxectar un vídeo do homenaxeado deste ano, o enxeñeiro Andrés Comerma como científico destacado do ano e o proxector non ía así que alí foi Raúl a poñelo a punto”, conta seu pai, facendo referencia a que o propio presidente da Xunta destacou a súa valía como enxeñeiro durante a súa interveción coa que se claururaba o acto. “Grazas a el pudemos ver o vídeo”, dixo Núñez Feijóo.

O Premio de Investigación 2020 foi recollido polos responsables do descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC e conta coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá. Tamén foron distinguidos con mencións honoríficas varios investigadores da Universidade de Vigo e da USC.

 

Raúl Santoveña Gómez co diploma.

 

Ademais dos galardoados, o acto presidido polo presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio e polo presidente da Xunta, Núñez Feijóo, contou entre outras personalidades co vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o coordinador do CSIC en Galicia, Antonio de Ron; e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button