ConcellosQuirogaÚltima hora

“Ravioli ruso”, tapa ganadora do “IX Quiroga de Tapas”

Reconto dos votos desta edición de “Quiroga de tapas”.

 

O “Ravioli ruso”, do Café – Bar Matrioska, vén de converterse na tapa gañadora da novena edición do concurso “Quiroga de Tapas”. A apertura das urnas e o reconto de votos emitidos tiña lugar esta mañá no salón de plenos da casa consistorial quiroguesa. O concelleiro de xuventude, Luis Manuel Arias, e a representante da zona sur da Asociación Provincial de Empresarios da Hostalería de Lugo, Beatriz Vila, foron os encargados da apertura das urnas que permanecían perfectamente pechadas.

Dende o domingo día 11 de xullo ata o venres día 23 puideron degustarse as nove tapas dos nove establecementos que participaron nesta edición. Como novidade deste concurso, os tapacartóns, a disposición dos clientes en todos os establecementos participantes, levaban un código QR que servía para identificar os establecementos do concurso, a súa localización e a tapa coa que concursaban, que incluso podía valorarse con ata 5 estrelas.

As bases do concurso mantivéronse como en anos anteriores polo que foron os propios consumidores os que decidiron coa súa votación cal era a tapa gañadora. Para elo tiñan que poñer o nome da tapa que eles consideraban merecedora do premio no tapacartón, debidamente selado por todos os establecementos que concursaban. Os selos de cada establecemento conseguíanse cada vez que o cliente degustaba a tapa concursante.
Unha vez abertas as urnas nas que se depositaron os numerosos tapacartóns desta edición e das que dispoñían todos os establecementos participantes, fíxose o reconto de votos. Con 43 votos a favor a tapa gañadora foi a do Bar Matrioska, “Ravioli ruso”.

 

 

No tapacartón tamén tiñan que poñerse os datos da persoa participante para que unha vez contados os votos se puidese facer un sorteo. Todos os concursantes, cos tapacartóns debidamente cubertos, entraron no sorteo de numerosos premios e moitos foron os agraciados cos premios que van dende os 300 € en metálico ata cestas con produtos típicos da zona, pasando por comidas ou ceas para dúas persoas en distintos establecementos locais e da Ribeira Sacra, a estadía nunha hospedería ou un paseo a cabalo.

O concelleiro de xuventude e a representante da hostalaría desprazábanse ata o establecemento gañador desta edición para facerlle entrega dunha placa acreditativa e un premio en metálico de 100 €.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button