ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Reabre ao público o manancial de Fontenova en Verín

Despois de case medio século pechada, o Concello recupera esta fonte tradicional, integrada na ruta da auga Eurocidade Verín-Chaves

Clausurado e sen uso efectivo dende os anos sesenta, o manancial de Fontenova (recentemente restaurado e cuxa augas son recomendadas para os cálculos úricos, reumatismo, gota e padecementos de estómago e vesícula) reabría as portas ao público na mañá do 5 de agosto, da man do alcalde de Verín, Gerardo Seoane e do tenente de alcalde, Diego Lourenzo.

Tal como explican dende o Concello, coa apertura de Fontenova “as tres fontes tradicionais de Verín (Cabreiroá, Sousas e Fontenova) xa se encontran neste momento en pleno funcionamento e integradas na ruta da auga da Eurocidade Verín-Chaves”, e abrirán todos os días da semana, en horario de 8 a 14 e 18 a 20 horas, con presenza orientativa de especialistas e distribución do pack do auguista, que inclúe unha guía certificada sobre as propiedades das augas, o vaso encartable para o percorrido e o diploma acreditativo, que servirá para promocións e sorteos.

No acto de reapertura, o alcalde de Verín destacou o emblemático do retorno do auguismo a Verín. “Queremos volver a arrancar este motor, que moveu en tempos toda a economía de Verín. Esta máquina que nos levou por toda España, non pode seguir parada”, dixo, e avogou por “recuperar o valor económico e cultural da auga en Verín, xusto cando estudos recentes recoméndanlle á Seguridade Social voltar a receitar a hidroponía, cura con auga, como complemento de medicina preventiva”.

Pola súa banda, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo fixo especial fincapé en que “coa recuperación do manancial de Fontenova cúmprese un dobre obxectivo: por unha banda, a posta en valor das nosas augas e a recuperación do aguismo no concello e, doutra banda, a valorización do noso patrimonio xa que Fontenova constitúe un elemento arquitectónico único e é noso deber mantelo e coservarlo para as xeracións vindeiras”.

Fotos: Carlos Mntero.

Artigos relacionados

Back to top button