OurenseÚltima hora

Reactívase o plan “Ourense, a provincia termal” cara á etapa poscovid

O presidente da Deputación e o vicepresidente primeiro da Xunta mantiveron hoxe unha reunión de coordinación diante da nova convocatoria dos programas de sustentabilidade turística que lanza a Secretaría de Estado de Turismo

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, acordaron reactivar a candidatura do plan ”Ourense, a provincia termal” á convocatoria dos programas de sustentabilidade turística que a Secretaría de Estado de Turismo realizará no presente ano. Un plan termal que, cun financiamento de 3 millóns de euros, “permitirá relanzar un dos nosos sectores clave, nun momento no que o termalismo, ademais de auga e saúde, está chamado a ser un polo de atracción turística estratéxico para a nosa provincia”, subliñou Manuel Baltar. Unhas palabras ás que se sumou Alfonso Rueda destacando a necesidade de dar pulo aos recursos termais “xa que coa mellora das condicións sanitarias tamén imos asistir a un rexurdimento da actividade turística”.

Baltar e Rueda facían estas declaracións trala reunión de traballo que mantiveron na mañá deste luns 15 de marzo no Pazo provincial e á que tamén asistiron a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, os vicepresidentes da Deputación, Rosendo Fernández e César Fernández, e o delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén.

Tal como explicou o presidente da Deputación, no plan “Ourense, a provincia termal” tería cabida o futuro gran hotel balneario de Ourense, “a infraestrutura que precisamos para que a cidade teña a plena condición de capital termal, e estou convencido de que no Pazo Provincial atoparemos o caudal termal suficiente para converter este edificio nun balneario de referencia en Europa”, engadiu Manuel Baltar, anunciando que xa está encargado o anteproxecto das instalacións e que se están a manter contactos con inversores privados interesados nesta infraestrutura”. Un proxecto que para Alfondo Rueda, “daríalle un carácter máis ambicioso a un plan termal que aspira a lograr 3 millóns de euros de financiamento, dos que a Xunta de Galicia e o Estado aportarían o 45 % a partes iguais e o 10 % o Inorde”.

Artigos relacionados

Back to top button