ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

A realidade actual da muller, analizada nunha mesa-debate no Barco

Momentos antes unha representante da Asociación Galega de Mulleres con Discapacidade lía un manifesto e proxectábase o filme “Bar Bahar”

Despois da inauguración da praza Clara Campoamor no Barco na tarde do 9 de marzo, este municipio continuaba conmemorando o Día Internacional da Muller o 10 de marzo con diversos actos no Teatro Lauro Olmo. Así, Begoña Dacal, membro de Disvalia, daba lectura ás sete da tarde a un manifesto da Asociación Galega de Mulleres con Discapacidade (Acadar) no que se pedía “unha toma de conciencia da realidade social” deste coletivo na comunidade. “Reivindicamos que se teña presente que todas as persoas que formamos parte da sociedade temos os mesmos dereitos”. Tamén se pedía unha “financiación idónea para que as nenas con discapacidade” podan acceder de forma axeitada á formación. Deseguido proxectábase un video sobre o labor que se desenvolve dende esta entidade.

Ademais os asistentes podían ver a proxección do filme “Bar Bahar” (Entre dous mundos), de Maysaloun Hamoud, unha historia de solidariedade de tres mozas palestinas. A continuación formábase unha mesa de debate na que participaban tres mulleres representantes doutras tantas formacións políticas locais: Ofelia Puente (PSdeG-PSOE), Sabina Aguado (PP) e Sofía Carril (BNG) que analizaban as dificultades de ser muller na sociedade actual. Tamén estaba convidada unha representante de Riadá Cidadá, que finalmente non puido asistir. O debate estaba moderado pola xornalista Diana Ramos.

A primeira en tomar a palabra era Sabina Aguado que destacaba a importancia de facerlle fronte aos retos dende un punto de vista feminino, mentres que Ofelia Puente se refería aos problemas para conciliar a vida familiar coa laboral, “non estamos en igualdade de condicións cos homes pola condición de ser nai que pesa tanto como a de ser filla”. Pola súa banda, Sofía Carril expoñía a súa experiencia de 14 anos traballando na lousa, un sector onde hai moita presenza feminina “pero en postos moi concretos, como o de embaladora, sen embargo hai outros como o de labrador considerados masculinos”. Por iso cre que “queda moito traballo por facer e é moi importante seguir facendo pedagoxía”.

No debate tamén tomaban parte, forma moi activa, as persoas asistentes tocando cuestións como a da educación, a violencia de xénero, a maternidade, o papel da política ou a necesidade dunha serie de cambios sociais.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button