SanidadeÚltima hora

Realizados os cribados selectivos de Covid en Xinzo de Limia e Ribadavia

Imaxe: Sergas.

 

Un total de 848 veciños de Xinzo de Limia (o  81,5 % dos citados polo Sergas) acudiron este domingo á convocatoria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para participar no cribado de coronavirus que se desenvolvía no polideportivo desta localidade.

Este cribado preventivo, ao que se convocou a 1.040 persoas, facíase mediante a recollida de mostras para PCR. A selección de participantes, ao igual que a realizada onte en Ribadavia, foi aleatoria “o que permitirá coñecer o grao de transmisión comunitaria, así como detectar posibles positivos a Covid-19 asintomáticos (ou sen síntomas) cortando así a cadea de contaxios”, segundo indica Sanidade.

Así mesmo, dende a consellería matízase que “esta iniciativa non se pode confundir coas probas que se realizan aos contactos directos dos positivos ao Covid-19. Neste caso, trátase de facer probas a persoas sás e sen síntomas, precisamente para obter unha imaxe da evolución epidemiolóxica, nun tempo e espazo determinado”.

Esta foi a primeira vez que se realiza un cribado desta magnitude fóra do entorno hospitalario e para poñer en marcha o operativo desta fin de semana mobilizáronse 11 enfermeiras e 17 TCAE, que realizaban a toma de mostras, o seu rexistro e posterior traslado ao Servizo de Microbioloxía, onde se analizan.

Os resultados coñeceranse os vindeiros días, notificándose os negativos vía SMS e os positivos directamente por parte do persoal médico de atención primaria. Para elo, a dirección da Área Sanitaria lembra novamente a importancia de manter os datos de contacto actualizados e comprobar que se está de alta no sistema de mensaxería telefónica do Sergas.

Cribado de Ribadavia

Neste domingo a Consellería de Sanidade tamén informaba dos resultados do cribado realizado nesta fin de semana en Ribadavia. Nela participaban 481 persoas do total de 606 que estaban citadas, o que supón un 79,3% de participación.

Do total de PCRs, tan só 3 resultaban positivas, o que supón un 0,62% do total. Polo que se conclúe unha “transmisión comunitaria moi limitada”, segundo Sanidade.

Artigos relacionados

Back to top button