SanidadeÚltima hora

Realízanse test no Hospital de Valdeorras entre os profesionais que usaron as mascarillas “Garry Galaxy N95”

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rematará neste 18 de abril o cribado “de posibles infeccións por COVID-19, mediante test rápidos de anticorpos de dobre banda, a todos os profesionais desta área que empregaron as máscaras “Garry Galaxy N95”, enviadas polo Ministerio de Sanidade, tras advertir esta institución que non cumpren os criterios de filtración que deberían”, segundo indica a Consellería de Sanidade.

No Hospital Público de Valdeorras rematouse esta mesma mañá o cribado, directamente no centro, non sendo preciso no de Verín, onde non se distribuíu este modelo.

Os test estanse facendo, no caso do Hospital Universitario de Ourense, directamente naquelas unidades e servizos de atención directa de pacientes con sospeita ou diagnóstico COVID-19, como Urxencias, UCI e plantas Covid, que son onde se empregan este tipo de máscaras de protección N95 ou FPP2 (con alta capacidade filtrado). Ademais de no servizo de extraccións, do Santa María Nai, punto ao que tamén se convocou ao persoal dos Puntos de Atención Continuada e residencias integradas onde se distribuíu.

“Esta actuación preventiva decidiuse onte mesmo, tras avaliar a situación cos Servizos de Medicina Preventiva, Microbioloxía e Unidade de Prevención de Riscos Laborais, procedéndose á realizar unha relación dos potenciais usuarios desa máscara en Ourense, co obxectivo de proceder de inmediato a realización de test, que se iniciaron xa nas quendas de noite e continúan neste intre”, tal e como indica Sanidade.

Para axilizar as probas, onte, “ademais de cursar instrucións a tódolos servizos para o rexistro de persoal, desde as distintas direccións, xefaturas e supervisións, procedeuse a contactar telefónicamente co persoal saínte para que se achegasen a realizar o test”, sinala o Sergas.

Procedeuse así mesmo á inmobilización, retirada e substitución destas máscaras inmediatamente despois de ter coñecemento da alerta. Asemade o Sergas lembra que, “segundo a información do Ministerio de Sanidade, os defectos de fabricación afectan só a un par de lotes dos distribuídos en todas as comunidades autónomas, optándose, en Galicia, por retirar a totalidade da partida, á espera de mais información por parte do Ministerio que permitan identificar a súa distribución exacta”.

Artigos relacionados

Back to top button