En portadaÚltima hora

Realizaranse test serolóxicos ao persoal dos centros educativos antes do inicio do curso

A medida enmárcase dentro do "Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021"

Fotografía do CEIP Condesa de Fenosa, no Barco.

 

A Xunta de Galicia realizará test serolóxicos de dobre banda a todo o persoal dos centros educativos sostidos con fondos públicos. A medida foi acordada polas consellerías de Educación, Universidade e Formación Profesional e a de Sanidade no marco dunha xuntanza mantida o pasado martes, 14 de xullo, para abordar o “Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros educativos non universitarios para o curso 2020/2021”.

O protocolo, que será analizado o xoves 16 pola mesa sectorial do ensino non universitario, establece catro tipo de medidas: de prevención básicas, aquelas que afectan ás condicións laborais, de carácter organizativo e de carácter formativo e pedagóxico. Como normas principais destácase o uso de mascarillas, a hixiene, a distancia interpersoal e a creación de Grupos de Convivencia Estable.

Estas medidas están avaladas polas autoridades sanitarias autonómicas e diríxense ao persoal dos centros educativos, xa sexa docente ou non docente, ao conxunto do alumnado e ás familias. O protocolo está suxeito a posibles modificacións en función da situación sanitaria e das decisións do goberno autonómico e estatal. Proximamente a consellería porá en disposición da comunidade educativa unha serie de instrucións para organizar o inicio de curso e tamén estase a elaborar un protocolo específico para os Centros de Educación Especial debido ás súas particularidades.

 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a conselleira de Educación, Carmen Pomar. / Foto: cedida.

 

Principios sanitarios básicos e distancia interpersoal

Cada centro deberá contar cun equipo formado na Covid-19 e terá un Centro de Saúde de Atención Primaria para contacto en caso de dúbida. Todo o persoal e o alumnado realizará unha diagnose diaria. A distancia de seguridade é de 1 metro sen mascarilla sempre que a persoa permaneza sentada no seu pupitre; fóra das aulas a mascarilla será obrigatoria e a distancia aumentará a 1,5 metros. En Educación Primaria e Infantil poderanse establecer grupos estables na aula dun máximo de 25 alumnos que poderán interactuar sen manter a separación interpersoal.

Xestión de brotes

Deberase habilitar un espazo de illamento para o alumnado que presente síntomas e no que a mascarilla tamén será obrigatoria. No caso de que se produzan varios contaxios na mesma aula ou centro, as autoridades sanitarias poderán proceder ao peche das mesmas. Se houbese un único contaxio, será obrigatorio un illamento de 10 días e unha corentena de 14 para as persoas que teñan consideración de contacto próximo.

Plan de adaptación

Cada centro deberá elaborar un “Plan de adaptación á situación COVID-19 no curso 2020/2021” e un “Plan de contixencia” en concordancia cos anexos V e VI do documento respectivamente.

Comedor e transporte escolar

O aforo do comedor estará limitado para poder garantir unha separación entre alumno de, polo menos 1,5 metros ou 1 metro se non están uns fronte a outros. Poderanse establecer varias quendas para continuar co servizo. No transporte escolar, o aforo dos vehículos será determinado polo órgano autonómico ou estatal competente e a mascarilla será obrigatoria.

Biblioteca e espazos compartidos

A biblioteca poderá ser usada ata o 50% da súa capacidade habitual e habilitarase un protocolo de acceso á mesma. Manterase o servizo de préstamo de libros pero deberán permanecer en corentena un mínimo de 24 despois de ser devoltos. No caso de materiais e aulas de uso compartido, evitarase na medida do posible o uso colectivo e a desinfección será obrigatoria. Nas clases de educación física a mascarilla será obrigatoria cando non se poida manter unha distancia interpersoal de 1,5 metros. No tocante ao recreos limitaranse os espazos para que un grupo de 50 alumnos poida estar a unha distancia mínima de 1,5 metros entre si.

Medidas de carácter formativo e pedagóxico

O equipo Covid-19 do centro asegurará que toda a comunidade está informada sobre os protocolos e as medidas de prevención, hixiénicas e sanitarias. Ademais, tamén se programarán actividades formativas co fin de que o alumnado sexa “axente activo” na mellora da saúde da comunidade educativa.

Aulas virtuais e ensino a distancia

Cada centro deberá rexistar ao remate do mes de setembro, unha listaxe do alumnado que presente dificultades para o acceso a equipos tecnolóxicos ou conexión a internet co fin facilitar o ensino a distancia no caso de que fose necesario. A Aula Virtual deberá empregarse, polo menos, co alumnado de 3º de Primaria en diante e os modelos que se establezcan para cursos inferiores quedarán recollidos na programación de cada centro.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button