En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Reavívase a tradicional procesión dos Caracois no Castro

Multitude de persoas participaban nesta antiga procesión barquense alumeada por centos de cunchas de caracois ardendo

En completa escuridade saía da igrexa do Castro (O Barco) a Virxe da Soidade, portada por catro mozas enloitadas. As luces do pobo apagábanse ao comezo desta tradicional procesión da noite do Venres Santo, na que, ao paso da imaxe, íaselle prendendo lume a centos e centos de cunchas de caracois, que alumaban o camiño da procesión. Algunhas debuxaban diferentes formas, como cruces, outras simplemente marcaban o camiño.

Había anos que non se vían tantos caracois nesta singular procesión, na que tamén arden piñas. A súa preparación e o proceso de ir acendéndoos corren a cargo dos veciños do Castro, que días antes comezan coa organización.

Ademais este ano a comitiva relixiosa facía unha parada fronte á capela privada do Pazo do Castro, mentres se rezaba unha salve. De seguido, a procesión continuaba, percorrendo o pobo ata concluír, de novo, na igrexa. Multitude de persoas participaban neste acto relixioso, un dos máis emblemáticos da Semana Santa barquense.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button