OurenseÚltima hora

Rebulir celebra a XV edición do seu festival internacional retransmitindo na rede a gala central

A asociación cultural entrega os Premios Rebulir da Cultura Galega 2020 a Mercedes Peón, Fina Calleja e á Banda Municipal de Vilanova dos Infantes

 

O folclore chegado dende diferentes puntos do mundo arriba un ano máis ao Concello de Ramirás, que acolle a décimo quinta edición do Festival Internacional Rebulir (FIR). Convértese novamente no berce do certame que avoga dende os seus inicios no 2005 por achegar mostras da cultura e tradición a todos os públicos, cunha gala central o sábado 19 de decembro no polideportivo de O Picouto, no mesmo concello.

O festival, organizado pola Asociación Cultural Rebulir era presentado e inaugurado esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, nun acto ao que asistiron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Mª Luz Fernández Quintas; a alcaldesa do Concello de Ramirás, Isabel Gil Álvarez; e o director artístico do FIR 2020, Alexandre Sotelino Losada.

Como cada ano, o certame folclórico conta cunha programación moi ampla e para todos os públicos, coma obradoiros, concertos e actividades na rúa. Pola súa parte, e como prato forte, a gala central do FIR, prevista para as 19 horas deste sábado, acollerá as actuacións de cinco agrupacións e artistas, ademáis do colectivo anfitrión, Rebulir. Subirán ás táboas do escenario As Armadanzas, os mariachis Noches de Ronda, o grupo Gospel Vida, Son Real e Pelepau. Asemade, o certame será conducido, en modo de cabaret, polo artista multidisciplinar Nelson Quinteiro, quen tamén brindará as súas actuacións.

 

 

Á gala acudirán tamén os galardoados cos Premios Rebulir da Cultura Galega 2020: Mercedes Peón, recoñecida pola contribución á difusión e á renovación da música galega dentro e fora de Galicia; Fina Calleja, premiada pola súa traxectoria profesional no ámbito do teatro e audiovisual, así como polo compromiso coa cultura de base da terra; e a Banda de Música de Vilanova dos Infantes, polo seu legado cultural na música popular e coincidindo co seu 160 aniversario.

No marco das medidas de prevención ante a Covid-19, as novidades que presenta esta VX edición do FIR son as actividades ao aire libre, sen contacto e con aforos limitados. No referente á gala central, “Cabaret de aquí”, e por primeira vez dende que naceu, será celebrada sen público presencial. Por esta circunstancia, o acto será retransmitido a través de diferentes canles para que veciños e asiduos ao festival non queden sen desfrutar da cita que, ano tras ano, ven reunindo a centos de persoas para desfrutar do folclore e tradicións do mundo. Deste xeito, a gala poderá seguirse en directo na canle de Youtube do FIR- Festival Internacional Rebulir e nas redes sociais do colectivo. Tamén a través da web da Secretaría Xeral de Emigración, nas redes da Federación Española de Agrupacións de Folclore, nas do Concello de Ramirás e do diario La Región. O Centro Cultural Municipal do Picouto ten prevista unha pantalla xigante nas súas instalacións para a retransmisión, cun aforo máximo de 25 persoas.

Artigos relacionados

Back to top button