En portadaÚltima hora

A Rebusca de Manzaneda, entre as tres salas ourensás que acollerán concertos por un “Monte Vivo”

A este evento, que se celebrará o 4 de novembro a nivel galego, tamén se suman El Pueblo de Ourense e a Arca de Noé de Vilar de Santos
Imaxe dos preparativos previos a un concerto no local social da Rebusca, en Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

Denomínanse “Concertos Expansivos por un Monte Vivo” e celebráranse ao mesmo tempo en toda Galicia o 4 de novembro cun carácter “solidario e reivindicativo”. Este proxecto “parte dun grupo de músicas mobilizadas coa traxedia vivida polas galegas e galegos nos lumes de outubro e vai en solidariedade con todas as persoas afectadas”.

En total son sete salas galegas ás que nestes momentos se teñen sumado xa á iniciativa, das que tres son ourensás. É o caso de A Rebusca de Manzaneda, onde se desenvolverán unha serie de concertos a partires das 21h. As bandas que actuarán son Maskarpone OU, Cé orquestra pantasma e Leo Arremecághona.

A esa mesma hora comezarán tamén os concertos no Pueblo Café Cultural. Neste caso estarán Ménage à trois grupo, Blues do País, The Tetas Van e O Sonoro Maxín. Ademais, en Vilar de Santos, a Arca da Noe acollerá ás 18h. a actuación da Banda dos Cueiros.

O diñeiro recadado nestes concertos expansivos destinarase “integramente a proxectos pedagóxicos e de recuperación medioambiental dos colectivos: Asociación Ecoloxista Adega, Amigos da Terra, Amigos das Arbores da Limia e Amigas das árbores Ourense”, segundo os seus promotores.

Os colectivos e músicos implicados nos “concertos expansivos” pretenden con esta iniciativa “poñer o acento na necesidade dunha nova política forestal, ao tempo que reivindican que se asuman responsabilidades pola vaga de incendios sufrida en Galicia no mes de outubro”, tal e como indican.

Artigos relacionados

Back to top button