Concellos

Recepción dos participantes no programa “Reencontros na terra”

Nesta edición participan unhas 135 persoas chegadas dende Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, Cuba e Paraguai

Directorxeraldemigraci0n

O Museo do Pobo Galego convertíase o 9 de outubro en escenario do acto de recepción do programa “Reencontros na terra 2013”, cuxa finalidade é favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos de máis de 65 anos de idade. Desta volta participan unhas 135 persoas chegadas de seis países latinoamericanos: Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, Cuba e Paraguai.

A recepción foi presidida pola secretario xeral de Emigración, o ourensán Antonio Rodríguez, quen na súa intervención transmitiu o recoñecemento e agarimo de toda a sociedade galega ao traballo e esforzo realizado polas galegas e galegos do Exterior ao longo das últimas décadas: “Esta Galicia actual e moderna que estes días vedes, e que de seguro vos está sorprendendo, é froito do traballo constante dun pobo orgulloso que non esquece as súas raíces e tampouco esquece, ben ao contrario, ás fillas e fillos espallados na diáspora. Todo o que vos rodea é o resultado do sacrificio e o traballo de todas e todos, dos que quedaron, e tamén, en gran medida, dos que vos fostes para plantar a semente da Galeguidade alén o mar”.

O programa desenvólvese ao longo de tres meses e está estruturado en dúas fases. A primeira delas será unha estadía de dúas semanas na Residencia de Tempo Libre de Panxón, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas aos participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día.

A segunda fase consistirá nnunha estadía cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos dos beneficiarios unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas, segundo indican dende a Secretaría Xeral de Emigración.

Texto: O Sil/Redacción

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button