CulturaCulturaÚltima hora

Recital da ourensá Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Xove, no Gaiás polo Día da Poesía

Trátase dunha cita na que a autora, acompañada polo divulgador cultural Miguel Cajigal El Barroquista, realizaba unha libre interpretación da súa obra

 

A Cidade da Cultura acollía esta mañá o recital de Alba Cid, gañadora do Premio Nacional de Poesía Xove 2020, que protagoniza o acto impulsado hoxe pola Xunta de Galicia para conmemorar o Día da Poesía na Cidade da Cultura. Trátase dunha cita na que a autora, acompañada polo divulgador cultural Miguel Cajigal El Barroquista, fixo unha libre interpretación da súa obra.

A iniciativa, que contaba coa asistencia do secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; forma parte do ciclo Na Biblioteca de Galicia lese poesía que se celebra durante todo o mes de marzo e no que participan algunhas das voces máis representativas da literatura galega actual. É, ademais, unha das actividades do programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade para celebrar o décimo aniversario da Biblioteca. O obxectivo é poñer en valor o papel que xoga a poesía dentro da literatura e subliñar a importancia da divulgación da capacidade creativa dos poetas de Galicia, especialmente dos máis novos.

O ciclo terá continuidade ata finais de mes no auditorio Neira Vilas do Gaiás coa participación de diferentes poetas. Tras Yolanda Castaño, Antonio García Teijeiro e Alba Cid, continuará o venres 26 ás 19,00 horas co dueto Aldaolado composto por María lado e Lucía Aldao e Rosalía Fernández Rial o sábado 27 ás 12,00 horas. Poderán seguirse en directo na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Ao longo de toda esta semana a Xunta vén promovendo xornadas, obradoiros e exposicións en toda a Comunidade que inclúen propostas como os faladoiros Literatura nas marxes: a creación alén do canon, a cargo da Asociación O Arquivo das Trasnas, ou o espectáculo Videopoética. Así mesmo, celébrase estes días o festival Alguén que respira baixo a dirección do escritor, editor e xestor cultural Antón Lopo.

Banco de poemas desde hoxe

Tamén a Rede Bibliotecas de Galicia está a desenvolver diversas iniciativas, como mostras bibliográficas ou actividades de creación poética. Ademais, a Xunta está a desenvolver un programa de recitais en liña que convoca creadores para abrir un espazo artístico coral. Trátase de Banco de poemas, unha creación audiovisual a xeito de retallos de poemas recitados. Cada participante recita tres composicións da súa autoría que pasarán a formar parte dun fondo común e que se emitirá, en seis entregas, cada día a partir de hoxe no Portal da Lingua Galega e nas redes sociais.

Banco de poemas conta coa participación de 18 poetas en lingua galega: Antía Otero, Dores Tembrás, Lucía Aldao, Celia Parra, Carmen Quinteiro, Eli Ríos, Elisabeth Oliveira, Estíbaliz Espinosa, Samuel Lema París, María Rosendo, Xabier Xil Xardón, Enma Pedreira, Carlos da Aira, Alicia Fernández Rodríguez, Ismael Barros, María Canosa, María Lado e Nee Barros.

Artigos relacionados

Back to top button