ConcellosGalerías de fotosÚltima horaVilariño de Conso

Recollida, selección e degustación de cogomelos na Xornada Micolóxica de Vilariño de Conso

A actividade, organizada pola Asociación Vive Vilariño, completou o aforo

 

Moi contentas e satisfeitas co resultado se amosan as responsables da Asociación Vive Vilariño, organizadora da Xornada Micolóxica que se celebraba na mañá deste domingo 11 de outubro en Vilariño de Conso. Contentas non só polo contido en si do completo programa que contou coa presenza do micólogo Alejandro Ricardo Mínguez González (fundador e secretario da Asociación Cultural e Micolóxica de Celanova), senón pola alta participación. “Houbo moita xente que pola redución de aforo por culpa do coronavirus non pudo asistir, porque tiñamos o límite en 20 persoas, pero quedamos co contacto para avisalos se facemos outra máis adiante”, explican dende a organización.

A xornada, celebrada nunha radiante e soleada mañá de outono, comezaba cunha charla a primeira hora co micólogo Alejandro que expuxo os tipos de setas que hai e consellos para recollelas. Despois saían a facer unha andaina dunha hora polos montes do pobo de Soutelo, na que recollían todo tipo de setas que atoparon “comestibles ou non”, puntualizan dende a organización.

De regreso no pobo e seguindo un riguroso protocolo de seguridade anticovid, o centro neurálxico foi o Centro de Interpretación do Cogomelo, onde clasificaron as setas recollidas, “máis de 30 especies diferentes polo que estamos moi contentos co resultado”, aseguran. E como broche á xornada, as organizadoras sorprenderon aos asistentes cunha suculenta degustación de alimentos elaborados por elas mesmas con setas e produtos de outono.

 

Seleccionando as setas recollidas.

 

Centro de Interpretación do Cogomelo

Trátase dun amplo espazo para reflexionar sobre o mundo dos cogomelos en xeral. Nel podemos atopar a información precisa para diferenciar os comestibles dos catalogados como perigosos, así como tamén os que posúen propiedades mediciñais. Tamén se recollen consellos gastronómicos para preparar e degustar este plato típico da zona.

Sinálanse unha serie de recomendacións, a través de paneis informativos, sobre como se deben recoller no monte. Por exemplo que a recolleita débese facer nun cesta ou caixa de cartón porque nunha bolsa de plástico poderíanse fragmentar ou fermentar. Tamén hai unha exposición permanente de fotografías.

Para poder visitar o centro hai que contactar co Concello de Vilariño de Conso. Teléfono: 988 340 302.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos no seguinte enlace: https://www.osil.info/soleada-xornada-micoloxica-en-vilarino-de-conso/

Artigos relacionados

Back to top button
Close