SanidadeÚltima hora

Recomendacións ante os posibles efectos do fume na poboación da provincia

Especialmente, recoméndase evitar a rúa ata que remita o fume a embarazadas, nenos de corta idade, ou con enfermidades crónicas, ao igual que aos adultos con patoloxías respiratorias ou de corazón
Unha muller protexéndose do fume no centro do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

Tardaba en amencer e ademais facíao cunha densa capa de néboa debido ao fume e as cinzas da multitude de incendios forestais que asolan a comunidade galega. Isto é o que se atopaban con sorpresa os veciños da provincia de Ourense que saían á rúa a primeira hora da mañá do 16 de outubro. Moitas persoas cubrían o nariz e a boca con panos debido a intensa presenza de fume.

O fume dos incendios está composto por unha mestura de gases e partículas microscópicas que se desprenden do material en chamas e pode afectar aos ollos, irritar o sistema respiratorio e agravar as afeccións de persoas que padecen enfermidades cardíacas e pulmonares crónicas.

Dende o Sergas en Ourense sinálase que “ante a persistencia dun intenso nivel de fume, en gran parte da provincia, os Servizos de Neumoloxía e Pediatría aconsellan á poboación que manteñan as xanelas e portas da vivenda pechadas e non saír ao exterior, na medida do posible. Especialmente, recoméndase evitar a rúa ata que remita o fume a embarazadas, nenos de corta idade, ou con enfermidades crónicas, ao igual que aos adultos con patoloxías respiratorias ou de corazón, xa que estes últimos son máis susceptibles de descompensación do seu estado xeral de saúde”.

Ademais indícase que en “caso de descompensación aconsellase a estes pacientes que, como noutras crises de saúde previas, se poñan en contacto co seu médico de Atención Primaria. Asemade para evitar, ou mitigar, a irritación ocular causada polo fume, desde o Servizo de Oftalmoloxía, aconsellan refrescarse os ollos frecuentemente con auga fría, ou instilando unhas gotas de soro fisiolóxico ou solución salina, evitando fregalos con forza para evitar danos, ante a posible presenza de cinza ou partículas”.

Por outra banda, dende a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras asegúrase que dende “o pasado venres, o Servizo de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense atendeu a oito persoas por intoxicación con monóxido de carbono, permanecendo neste intre ingresados en observación, con pronóstico leve, catro pacientes, dous deles Brigadistas de Carballiño e Melón”.

Igualmente desde os Puntos de Atención Continuada de Ourense “producíronse atencións derivadas da grave situación xerada, en xeral, complicacións moderadas de patoloxías crónicas e crises de ansiedade, que tamén motivou o desprazamento, esta madrugada, dun médico do Punto de Atención Continuada de Ribadavia a Carballeda de Avia”, segundo o Sergas.

Dende a Xerencia do Sergas en Ourense, constituiuse ademais un Comité de Crise, formado pola dirección asistencial das áreas médica e de enfermería, urxencias, medicina interna, pneumoloxía e admisión, que está a coordinar a resposta as distintas incidencias que se están a rexistrar e en previsión de posibles necesidades, especialmente nos servizos de urxencias, polo que se prega a poboación que acuda, en primeiro lugar, ao seu Centro de Saúde ou PAC, co fin de reservar as dos hospitais ás situacións de maior gravidade.

Ademais na nota de prensa emitida polo Sergas en Ourense explícase que “pese as dificultades dalgúns profesionais para acceder aos seus postos de traballo, en centros de saúde e hospitais, non se suspenderon consultas, grazas a colaboración e coordinación do persoal, que cubriron estas necesidades, e ao esforzo dos profesionais por acudir, en canto foi posible, como nos Centros de Saúde de Vilariño de Conso, Avión ou Trives, onde as consultas comezaron un pouco mais tarde esta mañá. Asemade, tamén polas dificultades de acceso, os profesionais do Centro de Saúde de Carballeda de Avia atenden hoxe desde o Centro de Saúde de Ribadavia, e as de Barbantes centralizánse en Cenlle”.

Por outra banda, coordinouse “a comunicación, vía móbil, cos profesionais dos distintos centros de saúde que permanecen neste intre sen liña telefónica, en concreto os de A Teixeira, San Xoán de Río, Laza, Avión, Paderne de Allariz e Castro Caldelas, mentres que xa se solventaron os cortes de fluído eléctrico dos consultorios de Punxín e Barbantes (Cenlle)”, din dende o Sergas.

Artigos relacionados

Back to top button