Publicidade
SanidadeÚltima hora

Recomendacións para evitar intoxicacións con cogomelos

A Consellería de Sanidade recomenda que, ante a dúbida á hora de identificar un cogomelo, “é mellor non recollelo. As persoas inexpertas deben apañar os exemplares acompañados dun experto ou consultar con algún antes de consumilos”

 

Imaxe dun exemplar tóxico de cogomelo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Antes de recoller e consumir cogomelos silvestres é fundamental ter en conta unha serie de precaucións para evitar así posibles intoxicacións alimentarias. Así o destacan dende a Consellería de Sanidade. Ademais lembran que “se ben existen en Galicia especies de cogomelos comestibles moi apreciadas na gastronomía, tamén hai outras que son tóxicas e mesmo moi tóxicas, e poden chegar a resultar mortais, polo que saber distinguir os cogomelos antes de comelos é fundamental”.

Por iso a consellería recomenda que ante a dúbida á hora de identificar un cogomelo “é mellor non recollelo. As persoas inexpertas deben apañar os cogomelos acompañados dun experto ou consultar con algún antes de consumilos. Ademais hai que procurar non mesturar as especies no mesmo cesto; non recollelos despois de grandes choivas ou en días de moita auga, xa que isto pode modificar as súas características e dificultar a súa identificación; e non transportalos en recipientes pechados ou bolsas de plástico, para evitar que fermenten”.

Coa finalidade de evitar calquera suceso desexado relacionado coa inxesta de cogomelos silvestres, Sanidade subliña que é fundamental saber distinguir con seguridade os cogomelos comestibles antes de consumilos.Na páxina web do Servizo Galego de Saúde (https://www.sergas.es/Saude-publica/Cogomelos) ofrécese información aos cidadáns sobre como previr as intoxicacións por inxesta de cogomelos.

As intoxicacións

Dende Sanidade tamén se apunta que as “intoxicacións por cogomelos poden presentar cadros moi variados, pero en xeral pódese falar de dous ben distintos. No primeiro, aquelas en que os síntomas comezan nun tempo relativamente curto, 3-4 horas despois de comelos. As persoas intoxicadas cursan problemas dixestivos, náuseas, vómitos, diarrea e dor de barriga, xunto con alteracións visuais ou cambras. Polo xeral, adoitan ser de escasa gravidade e moi poucas veces poñen en perigo a vidas das persoas intoxicadas”.

No segundo grupo, os síntomas “comezan logo de 8 ou 10 horas -ou mesmo días- despois de ter inxeridos os cogomelos. Ademais de ser similares aos anteriores, poden resultar gravemente danados os riles e o fígado, cunha grande afectación do estado xeral da persoa intoxicada. Neste caso, sí poden causar a morte”.

Ante calquera calquera síntoma de intoxicación, a consellería destaca que “a persoa afectada debe acudir ao centro sanitario máis próximo de xeito inmediato e comunicarlle ao profesional médico a súa sospeita, darlle ao especialista algunha información sobre o tipo de cogomelo e, se é posible, levar unha mostra do exemplar (consumido ou non) para identificar correctamente a especie consumida. Tamén é importante informar do lugar onde foi apañado, indicar se varias persoas os comeron xuntas, xa que será preciso contactar con elas para saber se teñen os mesmos síntomas”.

Finalmente, dende a Consellería de Sanidade apélase a “non facer caso de falsas normas ou tradicións sobre o recoñecemento dos cogomelos que non teñen base científica. Este é o caso da falsa crenza de que todos os cogomelos que crecen na madeira ou nos prados son comestibles, ou os que aparecen roídos por animais salvaxes, cheiren ben ou teñen cores agradables o son. Todas estas crenzas son erróneas”.

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close