SanidadeÚltima hora

Recoñecemento internacional para a investigadora trivesa María Blanco

Recibía o premio ao artigo máis destacado do 2021 na revista "Drug Delivery and Translational Research"

Os triveses María Blanco (á esquerda da imaxe), Julio Ancochea e Ana Fernández-Teijeiro, no II Encontro Mundial de Médicos Galegos./ Foto: Asomega.

 

“SPION and doxorubicin-loaded polymeric nanocarriers for glioblastoma theranostics” é o título do artigo polo que a investigadora trivesa María Blanco, catedrática na Universidade de Navarra e presidenta da Sociedade Española de Farmacia Industrial e Galénica, vén de recibir o premio ao artigo máis destacado de 2021 da revista “Drug Delivery and Translational Research”, tal e como vén de informar a Asociación de Médicos Galegos (Asomega), que preside outro trivés, o neumólogo Julio Ancochea.

O artigo galardoado de Blanco, que é ademais vicepresidenta da Federación Europea de Ciencia Farmacéutica forma parte da tese doutoral da doutora Edurne Luque, dirixida pola investigadora trivesa.

A editora en xefe da publicación é a tamén galega María José Alonso, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica na USC que o ano pasado recibiu o Premio Nacional Juan de la Cierva. Ademais, foi merecedora do XVI Premio Novoa Santos de Asomega. A propia Alonso explica neste vídeo os obxectivos da revista “Drug, Delivery and Translational Research”.

 

A investigadora María Blanco, no Encontro Mundial de Médicos./ Foto: Asomega.

 

Conferencia sobre nanomedicina no Encontro Mundial de Médicos Galegos

María Blanco participou no II Encontro Mundial de Médicos Galegos que organizou Asomega a principios de maio. Na súa intervención, que versou sobre “Nanomedicina en cancro pediátrico”, explicou que con esta forma de dispensación búscase, por unha banda, diminuír a toxicidade dirixindo o tratamento cara ao tumor e evitando as células sas e, por outro, asegurar unha liberación sostida que permite “administrar unha soa dose de nanopartículas e que o fármaco se vaia liberando durante un tempo prolongado”.

A continuación expuxo a investigación realizada polo seu equipo en relación ao osteosarcoma en pacientes pediátricos, que adoita ter “un diagnóstico tardío e cando se detecta o 80% dos pacientes teñen xa micrometástasis en pulmón”. Utilizouse un fármaco, edelfosina, cuxo mecanismo de acción é distinto dos antitumorais comúns.

“O que vimos foi que nas células procedentes do tumor primario funciona peor que nas metastásicas”, afirmou, aínda que ao administrar o fármaco en forma de nanopartículas melloraba a eficacia nas células primarias. Segundo Blanco, “as nanopartículas foron efectivas diminuíndo o tamaño do tumor primario e inhibiron a diseminación das células de osteosarcoma do tumor primario ao pulmón”.

Artigos relacionados

Back to top button