CulturaCulturaÚltima hora

Reconto nas votacións dos Mestre Mateo por un erro material

A modificación non lle afecta ás 14 nominacións do filme “Lobos sucios”, pero si ás de “O Descoñecido” que suma unha máis e acada as 16
Membros da directiva da AGA na rolda de prensa. De esquerda á dereita:  Tamara Canosa, Carlos Ares e Nani García./ Foto: Moncho Fuentes.
Membros da directiva da AGA na rolda de prensa. De esquerda á dereita: Tamara Canosa, Carlos Ares e Nani García./ Foto: Moncho Fuentes.

A xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual (AGA) convocaba na mañá do 17 de marzo unha rolda de prensa de urxencia para informar de que un erro notarial no reconto dos votos para a elección dos finalistas na décimocuarta edición dos premios Mestre Mateo alterou o resultados anunciados o pasado luns. “A xunta directiva lamenta profundamente a situación que este erro orixina e os prexuízos que os cambios supoñen para os artistas e as obras que foron sinaladas como finalistas como consecuencia deste erro”, explicaban.

Tras as comprobacións realizadas, viuse que son trece as candidaturas afectadas polo erro no primeiro reconto notarial (Comunicador/a TV, Dirección, Guión, Interpretación feminina protagonista, Interpretación masculina de reparto, Montaxe, Música orixinal, Programa de TV, Realización, Serie TV, Vestiario, Videoclip e Anuncio publicitario). En cada unha das categorías mal recontadas, o erro afecta a un dos finalistas anunciados, excepto no caso de Anuncio publicitario.

Ese erro non inflúe nas 14 nominacións coas que conta “Lobos sucios”, o filme baseado no documental do valdeorrés Felipe Rodríguez que é ademais co-guionista e un dos finalistas desta edición dos premios. Pero si cambia ás da outra gran favorita dos Mestre Mateo, “O Descoñecido” do director monfortino Dani de la Torre que pasa de 15 a 16 nominacións, ao figurar agora no apartado de mellor interpretación masculina de reparto Fernando Cayo.

Este erro no reconto “foi detectado no momento de preparar a plataforma dixital de votación para a fase final dos premios Mestre Mateo. A plataforma, que se utilizou por primeira vez como sistema único do voto nesta edición, ordena automaticamente as catro obras ou artistas máis votados en cada categoría antes de colocalas nas páxinas nas que votan os socios da Academia. No momento de preparar a segunda rolda de votación, os datos incluídos na acta notarial e os que ofrecía a plataforma dixital non coincidiron polo que se realizou un novo reconto cun resultado diferente do que rexistraba a acta notarial inicial”, segundo se informa dende a AGA.

Dende a xunta directiva da Academia laméntase esta situación que este erro orixina para os premios Mestre Mateo e para a propia entidade e “pide disculpas aos afectados directamente a quen se poida sentir agraviado por esta circunstancia”

Artigos relacionados

Back to top button