En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Récord de participación na II Carreira e Andaina contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín

Unhas 1.200 persoas tomaban a saída nas catro probas que inclúe esta cita solidaria nesta edición: BTT, andainas longa e curta e carreira

 

Unha marea morada e solidaria enchía as proximidades do pavillón polideportivo de Vilamartín na mañá deste domingo 24 de novembro. Unha vez máis, os cidadáns respondían e amosaban o seu apoio sumándose á II Carreira e Andaina das Cidades contra o Cancro de Páncreas de Vilamartín, promovida por tres veciñas valdeorresas coa colaboración de numerosas entidades e empresas e cuxa recaudación vai destinada integramente á investigación desta enfermidade.

Lográbase bater o récord da xa exitosa primeira edición cuns 1.100 participantes, chegándose nesta ocasión a un total de 1.200 persoas entre as catro modalidades deportivas da proba: BTT, andaina longa e curta e carreira. Ademais unhas 124 persoas facían as súas inscricións a primeira hora desta mañá no propio polideportivo.

 

Membros da organización despois de dar a saída as probas.

 

Despois, ás dez, comezaban a darse as saídas. Os primeiros en entrar en competición eran os ciclistas da carreira de BTT, un total de 56, que iniciaban un percorrido de 32 km. Despois saían os participantes na  andaina pro (12 km) e na andaina light (4,5 km). Nestas dúas últimas modalidades había 877 adultos e 167 nenos. Finalmente, ás 10:30h. comezaba a carreira cun cento de participantes que tiñan por diante un circuíto de 12 km.

 

Andaríns agardando o aviso de saída, entre eles o doutor Rafael López.

 

Esta iniciativa solidaria conta co apoio da ACANPAN e AESPANC, da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo (FGA), así como doutras entidades, empresas e numerosas persoas. Para velar pola seguridade no seu desenvolvemento colaboraban coa organización as agrupacións de Protección Civil de Vilamartín, A Rúa, Petín, O Bolo, A Pobra de Trives e O Barco, así como Ambulancias Sil, José López (Club Peña Trevinca Barco) e un grupo de motoristas que ían abrindo a carreira.

 

A doutora María Francisco dando unha das saídas.

 

Por outra banda, este evento tamén incluía a posibilidade de colaborar para aquelas persoas que non puideran realizar ningunha das catro probas a través do “dorsal cero”. Entre aqueles que escolleron esta opción para apoiar á cita estaban o presidente da Asociación Valdeorresa de Apicultores, Armando Rodríguez, e redactores do Periódico O Sil, entre outros moitos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:
https://osil.info/ivan-fernandez-e-ana-belen-rubio-ganadores-da-carreira-contra-o-cancro-de-pancreas-de-vilamartin/

Vídeos:
https://osil.info/exitosa-ii-carreira-e-andaina-das-cidades-contra-o-cancro-de-pancreas-en-vilamartin/ 

Artigos relacionados

Back to top button