En portadaGalerías de fotos

Récord histórico de viño calificado na D.O. Valdeorras

O consello regulador amosaba os datos da campaña que vén de concluír concidindo coa visita da conselleira de Medio Rural a esta zona ourensá

Cun total de 3.953.331 litros de viño calificado concluía a campaña 2014/15 na Denominación de Orixe Valdeorras. Esta zona vitícola pechaba a tempada o pasado 31 de xullo cunhas cifras de calificación históricas. A tendencia xa a avanzaba o Periódico O Sil na súa edición de agosto e agora vén de confirmarse. Os datos facíaos públicos o presidente do seu consello regulador, José Vicente Solarat, na mañá do 18 de agosto na sede desta entidade e coincidindo coa visita da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, á comarca. Neste acto estaban tamén presentes os membros do pleno deste órgano réctor, así como outras autoridades e os medios de comunicación.

“Calificáronse 745.881 botellas máis que na campaña anterior, iso quere dicir unha subida do 17%, con respecto á campaña 13/14 e é o récord histórico da D.O”, dicía Solarat. E aludía ao bo facer do sector “dende a laboura da viña, a elaboración nas adegas e as campañas de promoción”, o que permitiu “acadar un resultado que merecen a calidade dos nosos viños”.

Incidía tamén o presidente do CRDO Valdeorras en que, con estes datos na man, “somos sabedores e conscientes de que o noso territorio, os nosos viticultores e os nosos adegueiros conseguen elaborar un viño de moi valorada calidade e nós como consello regulador o que temos que facer é seguir potenciando esa promoción e seguir controlando esa calidade”.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural felicitaba ao sector “polo traballo que estades a facer” e resaltaba que “é importante que todos os viticultores aposten por traballar con calidades diferenciadas. Galicia é unha comunidade pequena pero apostamos pola calidade, apostamos por eses produtos dunha caldiade diferenciada que non son capaces de ter noutras rexións de España, nin da UE”.

No marco desta visita, a conselleira do Medio Rural visitaba as adegas cooperativas Xesús Nazareno no Barco e Virxe das Viñas na Rúa. Despois, desprazábase ata o miradoiro do Barranco Rubio (A Rúa), o que lle permitía ter unha panorómica dunha gran parte do territorio da D.O. Valdeorras.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button