CulturaCulturaÚltima hora

Recta final nos Premios Mestre Mateo

As películas favoritas son “O Descoñecido” con 16 nominacións e “Lobos Sucios”, baseada na explotación nazi das minas de Casaio, con 14
"Lobos Sucios" é un dos filmes favoritos nesta edición dos Premios Mestre Mateo.
“Lobos Sucios” é un dos filmes favoritos nesta edición dos Premios Mestre Mateo.

Comeza a segunda e decisiva rolda de votacións para elixir aos galardoados cos Premios Mestre Mateo. A Academia Galega do Audiovisual (AGA) vén de abrir o proceso de votacións. Os membros desta entidade poderán emitir o seu voto dende hoxe ata o vindeiro 19 de abril. Esta votación terá “carácter electrónico e servirá para definir cales son as obras e artistas ganadores en cada unha das vintecinco categorías dos premios do audiovisual galego”, explican dende a AGA.

Entre as longametraxes favoritas desta edición están “O Descoñecido”, do director de Monforte de Lemos Dani de la Torre. Este filme suma un total de 16 candidaturas: Mellor longametraxe, Interpretación masculina protagonista (Luís Tosar), Interpretación masculina de reparto (Javier Gutiérrez, Fernando Cayo), Interpretación feminina (Paula del Río), Interpretación feminina de reparto (Elvira Mínguez), Dirección (Dani de la Torre), Dirección de fotografía (Josu Incháustegui), Dirección de arte (Juan Pedro de Gaspar), Dirección de produción (Carla Pérez de Albéniz), Guión (Alberto Marini), Montaxe (Jorge Coira), Música orixinal (Manuel Riveiro), Son (David Machado, Nacho Arenas, Jaime Fernández), Vestiario (Ana López), Maquillaxe e perruquería (Raquel Fidalgo, Noé Montes).

Outro dos referentes en canto a nominacións é a longametraxe “Lobos Sucios”, de Simón Casal, que leva á gran pantalla a explotación que realizaron os nazis das minas valdeorresas de wolfram. Está baseada nun documental homónimo dirixido polo rues Felipe Rodríguez, que opta ademais a un dos Premios Mestre Mateo como coguionista da película. En total “Lobos Sucios” conta con 14 candidaturas: Mellor longametraxe, Interpretación masculina de reparto (Ricardo de Barreiro), Interpretación feminina protagonista (Marían Álvarez), Interpretación feminina de reparto (Manuela Vellés), Dirección (Simón Casal de Miguel), Dirección de fotografía (Sergi Gallardo), Dirección de arte (Antonio Pereira), Dirección de produción (Carlos Amoedo), Guión (Paula Cons, Felipe Rodríguez, Noelia del Río,
Carmen Abarca), Montaxe (Jordi López), Música orixinal (Sergio Moure de Oteyza), Son (Guilhem Donzel, Srdjan Kurpjel), Vestiario (María Anta), Maquillaxe e perruquería (Oriane de Neve, Antonella Prestigiacomo).

Ademais, “tras o erro notarial detectado no reconto das votacións na fase inicial dos premios, a Academia Galega do Audiovisual estableceu para esta última fase un novo control que garanta a suma correcta do resultado. Esta fase final terá dous recontos diferentes: o primeiro deles o que realiza automaticamente o programa informático no que votan os membros da Academia. O segundo é o reconto que realiza o notario diaria e manualmente dos votos recibidos. Unha vez concluídas as votacións, os resultados de ambos recontos se cruzarán para confirmar os resultados”, tal e como indica dende a Academia.

No marco destes premios incluíranse asemade actividades como os “Encontros Mestre Mateo”, entre o 27 de marzo e o 7 de abril en centros de ensino relacionados co audiovisual. Para o 15 de abril está prevista unha xuntanza de nominados e xa o 23 de abril terá lugar a gala de entrega dos galardóns no Pazo da Ópera da Coruña.

Artigos relacionados

Back to top button