En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A recuperación de castiñeiros e o cooperativismo, eixe dunha xornada formativa en Sober

Na iniciativa, promovida pola Asociación O Colado do Vento, participaban como ponentes Davide Rodríguez da Cooperativa Amarelante e o secretario da IXP Castaña de Galicia

O cooperativismo, a recuperación de soutos, a plantación de castiñeiros e o valor da castaña para dinamizar o mundo rural eran algunhas das cuestións que se expoñían no decurso da xornada “Aproveitamento e conservación do castiñeiro. A fórmula cooperativa”, que se celebraba o 17 de febreiro en Sober.

Esta acción formativa, promovida pola Asociación O Colado do Vento, comezaba cunhas charlas que se impartían na Biblioteca de Sober. Un dos ponentes era Davide Rodríguez, de Amarelante Sociedade Cooperativa Galega de Manzaneda, quen se centraba no aspecto asociativo de cara a levar adiante proxectos de cooperativismo neste sector.

Ademais interviña o secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Manuel López Vilariño, que abordaba o valor da recuperación dos soutos de castiñeiros e do seu coidado, así como o enfoque das novas plantacións e as posibilidades de presente e futuro deste froito de outono. A xornada completábase cunha parte práctica que se desenvolvía no souto da Somoza.

Entre os asistentes había persoas de diferentes puntos da provincia de Lugo, pero tamén doutras zonas de Galicia.

Fotos cedidas por Asociación O Colado do Vento.

Artigos relacionados

Back to top button