CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

“Se recuperamos as palabras relacionadas co Entrudio, recuperaremos as tradicións que había”

O filólogo vianés Pedro Basalo Bembibre abría o programa de conferencias das I Xornadas do Entrudio de Viana, celebradas o 8 de decembro

Numerosas persoas asistían na tarde do 8 de decembro ás I Xornadas do Entrudio de Viana do Bolo, que se celebraban na Casa da Cultura desta vila do oriente ourensán. O primeiro dos relatores en intervir era o filólogo vianés Pedro Basalo Bembibre, cunha conferencia titulada “Os Entrudios de Viana do Bolo: unha proposta de estudo”. Nela plantexaba a importancia de rescatar as palabras usadas de xeito tradicional nesta zona en relación co Entroido.

“Debería dicirse fulión, en lugar de folión, e Entrudio en vez de Entroido porque eu creo que o normativo oculta, digamos, o que é tradicional, e hai que volver a iso, ás palabras tradicionais. Isto lévanos tamén a voltar ás aldeas, aos Entrudios de antes e a entender todos os detalles para ser rigurosos e entender o que había en cada sitio e en que momento, algo que permitirá que despois sexa máis fácil reconstruír a historia dos Entrudios”, explica. Para Basalo trátase de ir reunindo as diferentes pezas que configuran esta celebración. “Vai todo en cadea, se recuperamos as palabras recuperaremos as tradicións: que animais había, que personaxes, que cambiaba aquí, que cambiaba alá… Hai que atender moito ás aldeas no fundamental, ás pecualiaridades do Entrudio de cada unha delas”.

O seguinte conferenciante, o antrópologo Miguel Losada, tamén se amosaba favorable a esta postura. Na súa exposición referíase ás orixes primitivas do Entroido e ao carácter orixinal que se conservan en cada un dos galegos. O programa incluía tamén un fotograma de Pedro G. Losada e a proxección do documental “Vivenzas e sentimento do Entrudio de Viana do Bolo”, do produtor Andrés Ortiz, quen expresaba a súa satisfacción de poder compartir este traballo cos veciños.

Estas primeiras “Xornadas do Entrudio” teñen sido promovidas polos Fulións Rurais de Viana do Bolo e pola Comisión do Entroido deste municipio, en colaboración co Concello de Viana e Saga.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button